xoves, 12 de maio de 2016

O Colexio de Xornalistas amosa nunha web a importante vertente comunicadora de Manuel María

Amplificando as homenaxes que se están a celebrar na nosa terra arredor da figura do poeta Manuel María (Outeiro de Rei, 1929), conmemorado este ano no Día das Letras Galegas (17 de maio), o Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia (CPXG) impulsou unha páxina específica que bota luz sobre a vertente como periodista do autor de Terra Chá e Os soños na gaiola (entre outras obras referenciais da nosa literatura). A web resultante é froito dun comprometido traballo conxunto. Así, contouse co traballo do escritor e xornalista Antón Lopo para a achega de contidos e, tamén, co labor da empresa A Navalla Suíza para o desenvolvemento tecnolóxico da propia páxina. Amais das contribucións do Colexio de Xornalistas, principal impulsor da web (en boa medida a través do seu presidente, Xosé Manuel Pereiro), tamén se contou cos apoios da Secretaría Xeral de Política Lingüística e da Casa-Museo Manuel María. O sitio en liña Manuel María Xornalista deuse a coñecer hoxe no Pazo de San Roque de Santiago.
Na presentación do sitio participaron o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García Gómez, o decano do Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia (CPXG), Xosé Manuel Pereiro, e máis o presidente da Real Academia Galega, Xesús Alonso Montero.
García Gómez abriu rolda de intervencións salientando o valor da web para “amosar un Manuel María completamente dono da palabra, da palabra non só poética, non só literaria, senón da palabra no máis amplo dos sentidos”. Tamén destacou “o amor profundo pola lingua galega” do poeta homenaxeado este 17 de maio, un amor que tamén se viu reflectido “na súa práctica xornalística”, pois “escribiu en galego sempre que as circunstancias llo permitiron: en democracia e, durante o franquismo, cando publicaba fóra de España”.
Xosé Manuel Pereiro comezou a súa intervención valorando moi positivamente o resultado acadado no deseño e desenvolvemento da páxina web, “moi ben feita, moi completa nos seus contidos e posibilidades e de moita utilidade” para achegarnos á vertente xornalística do escritor de Outeiro de Rei. Tamén recoñeceu que a súa relación con Manuel María vén de antigo, da súa mocidade en Monforte, onde o poeta e a súa compañeira, Saleta Goy, rexentaban unha libraría onde Pereiro tivo ocasión de adquirir os seus primeiros libros en galego (a Libraría Xistral, fundada en 1970). Sobre a web, Pereiro engadiu que a pretensión é que manuelmaria.xornalistas.gal sexa tanto un escaparate da faceta comunicadora de Manuel como unha ferramenta para os periodistas.
A páxina Manuel María Xornalista, segundo engadiu Pereiro, será unha web viva, dinámica e con capacidade para acubillar novos contidos. O que se achega agora, explicou, é unha parte dos artigos do autor da Terra Chá e máis unha visión global da súa biografía, con especial atención á súa vida como xornalista. Esta visión compleméntase cunha galería de imaxes recollida do arquivo da Casa-Museo Manuel María, cunha listaxe das páxinas máis salientábeis relacionadas co escritor e cun espazo adicado á actualidade (a súa escolla como autor das Letras neste 2016).
A páxina Manuel María Xornalista, segundo se fixo saber no acto de presentación, ten tamén unha importante vertente de divulgación, entre outras cousas grazas á unidade didáctica de seu, “creada especialmente para os escolares e co obxectivo de que valoren e singularicen a actividade xornalística de Manuel María no conxunto da súa obra e mais de que se familiaricen cos xéneros xornalísticos e coa organización dun periódico”.
O sitio presentado, como dixemos, céntrase sobre todo na faceta de Manuel María como xornalista. Esta vocación levouno a escribir en prensa ao longo de 55 anos, combinando este labor con traballos na radio. Os seus artigos apareceron na maioría das cabeceiras galegas (El Progreso, El Pueblo Gallego, La Noche, La Región, La Voz de Galicia, El Ideal Gallego ou Vida Gallega) e tamén nalgunhas españolas (ABC) e en numerosas publicacións americanas. A súa relación coa prensa escrita foi especialmente frutífera a partir dos anos setenta, en que se funda A Nosa Terra, onde colaborou de 1977 a 1988. A maior parte dos seus artigos concéntranse neste semanario e mais no xornal El Correo Gallego, ao que estivo ligado dende 1989 até a súa morte.

Ningún comentario:

Publicar un comentario