luns, 30 de maio de 2016

Galiza. Contra os recortes e a deterioración do IES Concepción Arenal

Á atención de Román Rodríguez González, Conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria.
Desde o Sindicato de Estudantes de Ferrol queremos denunciar a situación na que se atopa o Instituto de Educación Secundaria máis grande e importante da nosa comarca, o IES Concepción Arenal. Como consecuencia dos recortes aplicados nos últimos anos na educación pública por parte do Partido Popular, a situación que está a vivir o alumnado, o persoal docente e os traballadores e traballadoras do centro é insustentable.
  • As infraestruturas precisan dunha reforma en profundidade e o seu posterior mantemento, que vaian máis aló dos meros parches que vén poñendo a Consellería de Educación da Xunta de Galiza, ante as reclamacións que ano a ano vén facendo a dirección do noso centro educativo.
  • As baixas dos traballadores e traballadoras nun centro cunha superficie tan grande, non son cubertas pola Consellería de Educación, coa consecuente sobrecarga no traballo dos conserxes e persoal de limpeza que, para cumprir co seu traballo, fan esforzos que van máis aló da profesionalidade e compromiso que se lles pode esixir.
  • A saturación que, polo aumento de horas e redución de persoal docente, sofren os profesores e profesoras que impide que poidan exercer o seu labor de maneira eficiente, imposibilita facer desdobres ou clases de apoio e que, sumado á falta de mantemento das infraestruturas, impide que se poidan ofertar bacharelatos específicos diferentes (actualmente ofértanse o de Ciencias e Tecnoloxía, o de Humanidades e Ciencias Sociais e o bacharelato de Artes plásticas, Deseño e imaxe).
  • Os continuos recortes de orzamentos que se produciron nos últimos anos, impiden que se poida facer fronte ás reparacións máis básicas, tanto das instalacións como do material utilizado nas aulas.
O pasado 12 de Maio o Parlamento Galego aprobou unha partida orzamentaria de 20 millóns de euros para facer fronte á reparación e mantemento de 372 centros de primaria e secundaria. En palabras do presidente da Xunta Alberto Núñez Feijóo, esta nova partida viña motivada polo feito de que Galicia é unha das comunidades autónomas que cumpriu co déficit marcado pola administración central e chamou á súa política económica “déficit de responsabilidade”. Desde o Sindicato de Estudantes temos claro que esta nova partida é unha medida electoralista para as eleccións autonómicas deste outono que, ao Partido Popular, antóllanselle como moi difíciles e que o seu chamado “déficit de responsabilidade” non é outra cousa que un teito de déficit conseguido a base de facer os mínimos investimentos posibles e da maneira máis austera posible durante a súa lexislatura para agora soltar unha esmola preelectoral. Este feito, queda claramente contrastado no noso centro, no cal, despois de reclamar ano tras ano unha reparación que acabe dunha vez por todas co grave problema de humidades que padecemos, a Consellería de Educación limitouse unha e outra vez a facer reparacións menores que non chegaron nin a paliar minimamente o problema, como substitucións dos canlóns que xa no primeiro ano mostráronse ineficaces.
Desde o Sindicato de Estudantes non imos tolerar que se faga campaña electoral vendendo unha calidade educativa que se viu amplamente diminuída nos últimos anos e , por tanto, esiximos de maneira inmediata unha reparación do noso centro en condicións e gastando o que haxa que gastar para garantir unhas instalacións que non poñan en risco a saúde do alumnado e do persoal do centro, así como un aumento nos orzamentos para facer fronte a unha educación pública digna e de calidade como a que os galegos e galegas merecemos.

Ningún comentario:

Publicar un comentario