"Os comedores son servizos educativos complementarios que deben depender da Xunta e responder a un modelo único para todo o territorio galego", destaca a Confederación Anpas GalegasNo acto, Javier Sánchez (presidente da Confederación Anpas Galegas) expuxo o modelo que esta Confederación presenta como "ideal de futuro", baseado en que "os comedores son servizos educativos complementarios que deben depender da Xunta en todos os casos, e deben responder a un modelo único para todo o territorio galego". Sánchez engadiu que os comedores son, ademais "un mecanismo de compensación social" e "tamén unha fórmula de conciliación da vida laboral e familiar".
O modelo defendido pola Confederación sería de prestación obrigatoria alí onde houbese demanda, sen que a administración educativa tivese a posibilidade de negarse a ese servizo, e disporían de cociña propia ou -no seu defecto e sempre que fose xustificable- no centro máis achegado. Sería, así mesmo, un servizo que puidesen utilizar todo o alumnado do centro dun xeito gratuíto, financiado completamente a través dos Orzamentos da Xunta. Sería, finalmente, un modelo dependente da dirección do centro educativo, pero coa colaboración dun ou dunha profesional especializada que tería a consideración de "encargado/a do comedor", que sería quen efectivamente levaría a xestión práctica do servizo, e que tería unha relación laboral directa coa Xunta.
O modelo fai unha aposta polos produtos de proximidade e de tempada, cunha relación estreita cos provedores locaisFinalmente, o modelo fai unha aposta polos produtos de proximidade e de tempada, cunha relación estreita cos provedores locais, e adaptados por suposto ás necesidades concretas do alumnado concreto. Neste senso, a Confederación reclama que a Xunta "estruture unha equipa de profesionais especialistas en nutrición que se encargue de elaborar protocolos de actuación xeneralizables, e tamén do posterior control e colaboración sobre a realidade cotiá dos comedores escolares".
Allariz, Ames: Modelos de servizo
Nas Xornadas tamén interviron os e as responsables de servizos de comedor xa en marcha nalgúns concellos, co obxectivo de amosar o funcionamento neses lugares, que poden servir como modelo para proxectos futuros. Manuel Cid, concelleiro de educación de Allariz, explicou que na vila ourensá teñen un único comedor escolar, que está dentro do sistema de xestión directa da Xunta, polo que dispoñen de cociña e persoal propio. A diferenza con outros centros co mesmo modelo de xestión está na singularidade de ser un único centro no Concello, e na implicación que esta Administración municipal ten, a maiores das "axustadas" achegas económicas do Goberno galego, "para que a alimentación que alí se lles dá aos nenos e nenas cumpra criterios de calidade, mesmo avanzando dun xeito significativo nos aspectos ecolóxicos do produto que se consume".En Ames o modelo funciona a través de dúas cociñas, nas que se preparan "produtos de tempada e de proximidade"Tamén interveu David Santomil, concelleiro de Educación en Ames, que amosou a experiencia no seu Concello, moi diferente á de Allariz, xa que a xestión dos menús escolares está directamente organizada pola administración local, que conta cun convenio coa Xunta, que lle achega menos do 7% dos custes do servizo. En Ames o modelo funciona a través de dúas cociñas, nas que se preparan "produtos de tempada e de proximidade, adquiridos sempre que é posible a provedores do propio Concello". A comida distribúese logo, en vehículos propiedade do concello, a todos os colexios públicos de Ames, un sistema que traballa sobre distancias moi pequenas "que permiten que o espazo de tempo entre a elaboración e o consumo é realmente pequeno e garante a calidade dun produto recén preparado", destacou.
Ambos os dous concelleiros criticaron "unha normativa sanitaria e de contratación moi restritiva, preparada para a defensa das grandes corporacións alimentarias"Ambos os dous concelleiros criticaron, con todo, a dificultade que supón "estar suxeitos a unha normativa sanitaria e de contratación moi restritiva, preparada para a defensa das grandes corporacións alimentarias, e que ten ás veces un encaixe complicado dentro do quefacer municipal".
Ningún comentario:
Publicar un comentario