O exame das oposicións que esta fin de semana tiveron lugar en Silleda podíase facer en galego ou castelán. Mais en caso dalgunha anomalía, “erro tipográfico ou de transcrición”, nas instrucións da proba indícase que o texto de referencia, en caso de dúbida, é o redixido en español.
Fin de semana de oposicións do Servizo galego de saúde (Sergas),
probas que decorreron en Silleda e nas que había máis de 11.000
aspirantes. O exame podíase facer en galego e castelán, as dúas linguas
co-oficiais en Galiza. Mais na folla de instrucións figuraba unha
advertencia: “En caso de erro tipográfico ou de transcrición do
texto editado en galego e o editado en castelán, do cuestionario
bilingüe, prevalece este último aos únicos efectos da súa comprensión
lóxica, sen prexuízo das aclaracións vinculantes que de viva voz poida
advertir o tribunal durante a realización da proba.” Unha
afirmación que xerou sorpresa e malestar. Na mesma xornada dos exames,
aspirantes e familiares que acudiron ás oposicións amosaban o seu abraio
nas redes sociais cunha cláusula que implicaba relegar o galego fronte
ao castelán.
Unha valoración que tamén partillan desde A Mesa pola Normalización Lingüística,
que fala “dun auténtico compendio de prexuízos baseados no odio ao
galego e no supremacismo lingüístico”. Consideran que, embora ofrecer
formalmente as dúas opcións (galego e castelán), nas propias instrucións
a recomendación é “quen queira aprobar debe facer a proba en castelán,
pois só nesta lingua hai garantías de que as preguntas
están correctamente elaboradas”.O seu presidente, Marcos Maceira, lembrou como unha das primeiras medidas de Núñez Feixó ao chegar á Xunta foi eliminar a proba en galego para o acceso á función pública. “Agora dá un paso máis inutilizando a opción en galego, e animando directamente a non utilizalo”.
Valedora do Pobo
A Mesa trasladou a súa a queixa e petición de responsabilidades á Valedora do Pobo, á Consellaría de Sanidade e á dirección do Sergas, para alén de reclamar unha actuación inmediata da Secretaría Xeral de Política Lingüística e ao propio presidente da Xunta de Galiza, Alberto Núñez Feijóo.
Ningún comentario:
Publicar un comentario