venres, 13 de maio de 2016

Un estudo demostra o fracaso da política da Xunta sobre o libro dixital nas aulas

Investigadores da Universidade de Santiago presentan unha análise sobre o proxecto E-DIXGAL que evidencia que as políticas da Administración Pública están xerando unha "auténtica fenda dixital de grandes proporcións no conxunto do sistema educativo galego".

O Proxecto E-DIXGAL da Xunta, para a implantación dos libros de texto dixitais nas aulas do país, está contribuíndo a que emerxa unha "nova fenda dixital no sistema educativo galego que leva á exclusión dentro dunha rede pública de centros". Ademais, a aplicación do proxecto semella errada, xa que logrou "un alcance pouco significativo do libro de texto dixital no conxunto do sistema educativo" galego. Así o conlúe un estudo elaborado por investigadores da Universidade de Santiago de Compostela (USC) publicado no último número da revista científica Profesorado.
A investigación foi realizada polos profesores Fernando Fraga Varela e Almudena Alonso Ferreiro e nela salientan que malia que "a Administración educativa ten que xogar un papel regulador para evitar unha fragmentación do sistema que poña en perigo a equidade do servizo público ou a democratización do seu funcionamento", o certo é que a política do Goberno galego nesta materia está "provocando desigualdades". Nesta liña argumentativa, os autores do estudo explican que "se o equipamento informático e o libro de texto dixital se constitúen como recursos para o alumnado, a súa implementación non debe incrementar as desigualdades existentes, tal e como se comprobou cos datos estatísticos mostrados e os mapas de presenza elaborados" nesta investigación.
O artigo, titulado 'Presencia del libro de texto digital en Galicia: una mirada estadísticogeográfica del proyecto E-DIXGAL', analiza o grao de implantación e distribución xeográfica das primeiras políticas públicas do libro de texto dixital no sistema educativo de Galicia a partir do Proxecto E-DIXGAL. Esta iniciativa toma como referente o proxecto Abalar, denominación que ten en Galicia o Plan Escola 2.0. A análise fíxose a través de estatísticos descritivos e de ferramentas SIG (Sistemas de Información Xeográfica) que permiten identificar os centros beneficiarios destes proxectos e a súa distribución xeográfica.
Os resultados reflicten a presenza dunha tripla rede de centros con políticas públicas moi diferenciadas: 1. Escolas non-Abalar, 2. Escolas involucradas no proxecto Abalar non acollidas por E-DIXGAL, e 3. Escolas Abalar acollidas ao proxecto E-DIXGAL. Estas últimas defínense por establecer ambientes plenamente dixitais para dar apoio ao proceso de ensino e aprendizaxe, relegando o papel do libro de texto tradicional tal e como se entendeu ata agora.
Esta segmentación dos centros é froito do "desenvolvemento de políticas que poñen sistematicamente en dúbida a igualdade de oportunidades para o alumnado e queda patente, a través dos datos, a xeración dunha auténtica fenda dixital de grandes proporcións no conxunto do sistema educativo galego".
Os investigadores alertan da falta de autonomía do profesorado e do alto custo polo uso de recursos privativos adquiridos a empresas editoriais que impoñen un monopolio cultural
METODOLOXÍA
Os investigadores fixeron primeiro unha descrición do proxecto Abalar e da política galega de transferencia de tecnoloxías que segue o modelo 1 a 1, que serviu de base para a implantación do libro de texto dixital en Galicia, buscando comprender as súas características no conxunto do sistema educativo galego. A continuación analizaron a participación progresiva dos centros educativos tanto na iniciativa E-DIXGAL como Abalar, xa que esta supón unha primeira segmentación do conxunto de centros para a participación na política pública do libro de texto dixital. Para iso elaboraron estatísticos descritivos que se cruzan cos datos do conxunto de centros educativos públicos e concertados de Galicia. Con esta base de datos elaboraron mapas de visualización a través de ferramentas de sistemas de información xeográfica (SIG), co obxectivo de ofrecer unha visión que poña de relevo e evidencie a situación da distribución dos recursos dos plans no contexto galego, ademais de documentar o significado da existencia da tripla rede de centros xa mencionada para o desenvolvemento de propostas educativas.
COPYLEFT VS COPYRIGHT
Os autores do estudo alertan no seu traballo de que que "as decisións sobre a selección do libro de texto (tipo, editorial, contidos, etc.)" está "en mans da Administración", o cal "desposúe de autonomía ao profesorado e as escolas, ademais de garantir a uniformidade dos contidos que se traballarán nos centros educativos".
Tamén avisan do alto custo que supón priorizar a utilización de recursos privativos adquiridos pola Administración Pública ás empresas editoriais, que impoñen un monopolio cultural, fronte ao uso de recursos educativos abertos, baseados no movemento copyleft —antítese do copyright— e o acceso libre ao coñecemento. Así, aínda que o proxecto E-DIXGAL tamén contempla o uso de Recursos Educativos Abertos (REA) catalogados baixo o estándar LOM (LearningObjectMetadata) na súa versión española (LOM-É), pero a través doutra estrutura denominada Procomún, o feito de ter que "utilizar de forma ineludible recursos educativos dixitais privativos fronte a modelos máis abertos que permitirían unha reutilización sen custo, como ocorre cos REA, tal e como recomenda a propia UNESCO (2011)", lévanos a un escenario de "un forte investimento de diñeiro público caduco no tempo que precisará de novas licitacións e partidas orzamentarias para poder soster este modelo", avisan os expertos.
Estamos, pois, nun "contexto limitador das posibilidades de creación dos propios materiais fronte ás propostas editoriais" que ten un impacto negativo na autonomía profesional dos centros educativos e do profesorado na selección de materiais educativos. "Todo parece responder ao establecemento, no ámbito dixital, do mesmo status quo que mantén o poder dos grupos empresariais vinculados coa elaboración dos libros de texto", conclúen os autores da investigación.
FENDA DIXITAL ENTRE CENTROS
Doutra banda, salientan que a implementación do Plan Escola 2.0 co Proxecto Abalar tivo unha serie de características que convén destacar: "Ofertouse tanto a centros públicos como concertados, pero só a aqueles que cumprían con determinadas condicións de infraestrutura e datos. Isto permitiu unha profundización das diferenzas entre escolas, o que fai emerxer a hipótese dunha nova fenda dixital que non se limita só ao acceso á tecnoloxía".
Esta realidade vólvese aínda máis crítica cando a introdución do libro de texto dixital se reduce só a unha pequena parte dos centros que conforman a Rede Abalar. Unha situación de excepcionalidade que vén xustificada polo seu carácter "experimental", tal e como se define na resolución do Diario Oficial de Galicia con data do 22 de abril de 2014 (DOG núm. 82, 2014).
E-DIXGAL só logrou incorporar unha quinta parte dos centros da Rede Abalar e un 8% do conxunto total dos centros do sistema educativo galego
RESULTADOS DO PROXECTO ABALAR
As políticas de integración das TIC no sistema educativo baseadas no Proxecto Abalar foron a base para a implantación do libro de texto dixital en Galicia.  Abalar incorporouse en 514 centros dunha poboación de 1.307, isto é, no 39% do conxunto de centros educativos considerados: 413 públicos dun total de 1.099 (37%) e 101 concertados dun total de 208 (48%).
A análise dos datos deste estudo mostra un claro beneficio nas porcentaxes de implantación de Abalar para o conxunto dos centros concertados fronte aos públicos na Fase I do proxecto (35% fronte a un 19%), diferenza que se inviste en fases posteriores: 4% fronte a un 6% na Fase II e un 8% fronte a un 11% na Fase III. Unha situación que os investigadores cualifican de "estraña que se produce precisamente nunha primeira fase do proxecto que non conta nin con convocatoria nin resolución públicas". Segundo os investigadores da USC, "o desaxuste na implantación nas Fases II e III a favor dos centros públicos non chega a compensar a situación da Fase I". Isto supón que sexan un 48% dos centros concertados os beneficiarios do proxecto Abalar, fronte a un 37% no caso dos centros públicos.
RESULTADOS DO PROXECTO E-DIXGAL
O Proxecto E-DIXGAL revela a presenza do libro de texto dixital no sistema educativo galego. Os profesores da Universidade de Santiago comprobaron que coa posta en marcha desta iniciativa son os centros públicos os que toman relevancia, sumándose un 18% das escolas públicas —un total de 75 centros— e un 9% no caso de concertados —9 centros—; destes útimos, todos están situados nas provincias de Pontevedra e A Coruña.
Na segunda fase do proxecto redúcese a anexión de centros de forma moi concertados sumando un 4% no seu conxunto. Nesta segunda fase o proxecto deixa de definirse como "experimental" e "xorde así unha contradición neste sentido entre a apertura do proxecto e a redución de centros que se incorporan", subliñan os profesores da USC, que confirman unha "tendencia inversa respecto de Abalar ao contar cunha maior presenza en centros públicos fronte a concertados".
O resumo global feito polos investigadors permite observar o nivel de penetración que está a ter Abalar no conxunto de centros educativos de Galicia, incorporando a un 39%. Mentres que a política de implantación do libro de texto dixital, E-DIXGAL, supón a incorporación dunha quinta parte dos centros da Rede Abalar e tan só un 8% do conxunto total dos centros do sistema educativo galego.
Ademais dos estatísticos descritivos, os investigadores estimaron necesario explorar como se produciu a implantación de E-DIXGAL e Abalar a nivel xeográfico con mapas xerados a través dun sistema CloudSIG mediante CartoDB, utilizando como principio de xeneralización os mapas de calor.
O estudo advirte de que se está priorizando a implantación do libro dixital nos grandes núcleos de poboación das provincias de Pontevedra e A Coruña
A partir destes mapas, observaron de forma gráfica a reducida xeneralización que está a ter a política do libro de texto dixital en Galicia.
"A implantación é debedora da estrutura de centros participantes no Proxecto Abalar, establecendo unha primeira capa de exclusión que se agranda coa incorporación dunha pequena parte destes centros ao Proxecto E-DIXGAL", argúen os autores.
"Podemos observar unha implantación desta política polarizada claramente cara aos grandes núcleos de poboación das provincias da Coruña e Pontevedra, sendo case exclusivo na segunda fase ás cidades da capital de provincia", proseguen os investigadores na súa análise dos datos obtidos. De feito, nos mapas xerados "chama a atención a escasa presenza" do libro dixital nos centros educativos de Lugo e Ourense, sobre todo fóra dos principais ámbitos urbanos, así como amplas zonas de costa e interior da provincia da Coruña e Pontevedra.
Segundo os datos obtidos e analizados polos profesores da USC, faise evidente "un nivel de aleatoriedade no desenvolvemento destas políticas que imposibilita a mostra de elementos que axuden a pensar en proporcionalidade ou igualdade de oportunidades respecto ao conxunto do sistema educativo".
No caso de Abalar, "evidénciase que fronte aos grandes núcleos de poboación atópanse outras áreas da comunidade autónoma con escasa presenza", como son zonas interiores das catro provincias e as zonas costeiras da Coruña, fronte aos principais núcleos de poboación. Esta situación previa, e a falta de implantación xeneralizada, condicionan aínda máis se cabe o desenvolvemento de E-DIXGAL en determinados territorios.
Representación a través de mapas de calor da implantación do Proxecto Abalar
Representación a través de mapas de calor da implantación do Proxecto Abalar | Fonte: Profesorado, Revista de Currículum y Formación del Profesorado.
Representación a través de mapas de calor da implantación do Proxecto E-DIXGAL
Representación a través de mapas de calor da implantación do Proxecto E-DIXGAL | Fonte: Profesorado, Revista de Currículum y Formación del Profesorado.

Ningún comentario:

Publicar un comentario