mércores, 25 de maio de 2016

Elas tamén eran irmás


Cartel da homenaxe Este venres celébrase en Compostela -organizado pola Gentalha do Pichel- un acto de homenaxe a Maria Miramontes, Amparo López Jean, Micaela Chao Manciñeiras, Elvira Bao, Pura Lorenzana ou Corona González. O evento, presentado por Comba Campoy e no que intervirán Encarna Otero e Susana S. Arins, terá lugar ás 19 horas no número 15 da rúa do Vilar, onde se atopaba a sede da editorial Nós. Dende a Gentalha do Pichel destácase que "dende as diferentes instancias políticas e culturais non se está a prestar a debida atención ás mulleres da fala, o que evidencia que continuamos, en moitos aspectos, igual que neses anos de principio do século XX".
Neste 2016 celébrase o centenario do nacemento das Irmandades da Fala. É coñecida a actividade que nela tiveron os irmáns Villar Ponte, Manuel Lugrís, Uxío Carré Aldao, Lois Peña Novo, Antón Losada Diéguez e moitos outras persoas. Todos homes. Pero nas Irmandades tamén participaron activamente mulleres, que mesmo constituíron oficialmente no seu seo unha Sección Feminina.

Estas mulleres comezaron a participar activamente no seo das Irmandades da Fala pouco despois da súa constitución. "Cónstanos que en 1917 hai unha serie de mulleres, vinculadas ás Irmandades da Fala, que toman a iniciativa de promover unha colecta para sufragar os gastos para a bandeira da Irmandade", explica a historiadora Helena Carro. Dende os primeiros meses de 1918 comezan a aparecer en A Nosa Terra as primeiras referencias da Sección Feminina, aínda que este grupo non contaba aínda con estatutos ou regulamentos. Porén, en decembro dese ano publícase (nun artigo titulado A Irmandade Feminina. Traballos patrióticos) a composición da Xunta Xeral da Irmandade Feminina, conformada por Xosefa Vázquez (conselleira primeira) substituíndo a Micaela Chao Manciñeira, Elvira Bao (secretaria), Ermitas López Verdes (tesoureira), Tereixa Chao Maciñeira (vicesecretaria), Maria Balboa (contadora) e as vogais Rosa Martínez, Avelina Fernández, Teresa Fernández, Maria Miramontes, Xenoveva Casal e Avelina Sardina.
As actividades desta Irmandade Feminina, sinala Helena Carro, eran diversas: "Os seus cometidos van desde a recompilación de datos estatísticos dos traballos da muller galega, ata a solicitude aos centros galegos de América para que se organicen para dar protección á muller emigrada. Mesmo propoñen crear unhas bolsas de traballo similares ás que funcionan en Cataluña ou outros lugares de Europa". "Entenden que a pobreza non se resolve coa caridade senón elaborando medidas que se plasmen na sociedade para que os pobres deixen de selo", di.
A maioría pertencen á Galicia urbana e son mulleres instruídas, com grandes inquietudes intelectuais e con profesións liberais: mestras e xornalistas, por exemplo. Porén, tamén había casos coma o de María Miramontes, que pertencía ao gremio de costureiras. A homenaxe organizado pola Gentalha do Pichel fará especial fincapé na figura de Miramontes, que "participou dende moi nova no activismo primeiro sindical e logo político, moito antes de coñecer a Ánxel Casal", da que foi parella. Neste senso a Comisión de Historia da Gentalha salienta que "ela non foi muller de, a pesar da insistencia da historiografia oficial, senón compañeira de Casal, ademais de moitas outras cousas". Carro destaca tamén a figura de Amparo López Jean, "cun posicionamento político propio con respecto ao seu compañeiro César Alvajar", pois ela optou por militar no Partido Galeguista, mentres que el pertenceu ao Partido Radical ou á Unión Republicana.
"Non seriamos xustas se non recoñecésemos o novidoso e profundamente moderno que supuxo que as Irmandades recollesen dende o principio os postulados en defensa dos dereitos da muller"
Helena Carro destaca a defensa dos dereitos da muller que dende o inicio realizan as Irmandades da Fala, cunha posición moi avanzada para a época. Lembra que xa no manifesto da Asemblea Nacionalista de Lugo (1918) se reclamaba "a igualdade de dereitos" para as mulleres casadas, no caso de que o home estivese emigrado. Unha reivindicación "de mínimos" que xa ao ano seguinte, na segunda Asemblea, celebrada en Compostela, foi superada, "eliminándose calquera restrición na igualdade" e avogándose "pola total igualdade de dereitos políticos e sociais" (artigo 21), sinala Carro. "Non seriamos xustas se non recoñecésemos o novidoso e profundamente moderno que supuxo que as Irmandades da Fala recollesen dende o principio da súa constitución os postulados en defensa dos dereitos da muller", salienta a historiadora.
"A historiografia oficial nunca se interesou polas mulleres nin desta época nin de ningunha outra. Ás veces emprestan atención a mulleres de forma individual, mais nunca organizadas"
Carro conclúe que "a historiografia oficial nunca se interesou polas mulleres nin desta época nin de ningunha outra. Ás veces emprestan atención a mulleres de forma individual, mais nunca organizadas, como é o caso das Irmandades femininas". "A historia está elaborada polos homes, e polo tanto os protagonistas son os homes", engade. Porén, sinala hai estudos feitos por mulleres sobre mulleres que si fan referencia a este período histórico como son os de Noa Bergantinhos, Aurora Marco e Carmen Blanco, ou traballos máis puntuais como Encarna Otero a respecto de María Miramontes. E subliña, igualmente, algúns traballos "interesantes dende a perspectiva de xénero" coma os realizados por Ernesto Vazquez Souza, Dionisio Pereira ou Emilio Insua.

Ningún comentario:

Publicar un comentario