venres, 27 de maio de 2016

A Mesa exporá o informe da Liña do Galego sobre vulneración de dereitos lingüísticos no Parlamento Europeo

A vindeira Cuarta feira (mércores), 1 de xuño, o coordinador da área internacional da Mesa, Paulo Filgueiras, participará nas xornadas sobre discriminacións lingüísticas na UE organizadas pola Rede Europea para a Igualdade das Linguas
O informe revela casos denunciados pola Mesa no 2015 e incluirá o presentado na Revisión Periódica Universal do Consello de Dereitos Humanos da ONU, e denunciará o decreto 79/2010 contra o galego no ensino

A Mesa pola Normalización Lingüística participará a vindeira Cuarta feira (mércores), 1 de xuño, na conferencia Respecto polos dereitos lingüísiticos? As discriminacións lingüísticas na Unión Europea organizada polos grupos parlamentares da Alianza Libre Europea, Os verdes e a Esquerda unida europea en colaboración coa Rede Europea para a Igualdade das Linguas (ELEN) da que a Mesa forma parte.
Continúa así a acción de denuncia internacional que levou a entidade en defensa da lingua de Galiza a denunciar a situación do galego diante de diferentes organismos internacionais como o Consello de Dereitos Humanos da ONU e o Consello de Europa.
Estas denuncias inclúen casos de discriminacións diante de empresas ou organismos públicos, mais tamén a política lingüística da actual Xunta de Galiza, nomeadamente as modificación na Lei de acceso á función pública, e o decreto contra o galego de 2010, rexeitado recentemente polo consello de europa. A Mesa exporá tamén a situación creada pola sentenza do TSXG contra a ordenanza a favor do galego do concello de Lugo.
Na conferencia discutirase o tratamento que a UE e os seus Estados membros dan ao problema da discriminación e exclusión das linguas propias e avaliarase a situación en varios Estados, que pode fornecer a evidencia de discriminación lingüística con numerosos estudos de caso.
Como resultado elaboraranse recomendacións sobre as medidas que a UE debe tomar ao respecto, incluíndo o sinalado polo Consello de Europa, por medio da Comisión Europea contra o racismo e a intolerancia, de que a discriminación lingüística constitúe unha forma de racismo.
A conferencia contará coa participación xunto á Mesa, de diversas entidades de defensa das linguas propias da Bretaña, Cataluña, Irlanda, Gales, Húngaros de Eslovenia e Romenia, e Occitania.
Contará ademais coa participación do Consello de Europa (Carta Europea das Linguas e Convención das Minorías Nacionais), Alto Comisionado para as Minorías Nacionais da OSCE, e o Alto Comisionado de Dereitos Humanos da ONU.
A conferencia buscará o mellor xeito de utilizar a lexislación existente xa en vigor, como a Directiva sobre igualdade racial e da Carta dos Dereitos Fundamentais,así como as propostas Protocolo de Donostia (presentado esta semana en Galiza). Presentarase tamén a proposta da Rede Europea para a Igualdade das Linguas para unha directiva de dereitos lingüísticos.
As recomendacións da conferencia serán presentadas ás Comisións de Cultura e Liberdades civís, Xustiza e asuntos internos (LIBE), ao Consello de Europa, á OSCE e á ONU.
A Mesa convidará a asisitir a todos os Eurodeputados de Galiza
 Language-Hearing-Poster-Final-500x675 (83 kB)

Ningún comentario:

Publicar un comentario