venres, 13 de maio de 2016

O PP tumba a proposta do BNG que pedía anular as revalidas

O deputado do BNG, Cosme Pombo afirmou que a revalidas nos retrotraen a épocas “que é mellor esquecer” e son a resposta a unha “imposición da LOMCE”, unha lei que a Comunidade educativa e axentes sociais, rexeitan enerxicamente

O parlamentario do BNG, Cosme Pombo defendeu hoxe unha Proposición non de lei contra a “imposición da LOMCE e das reválidas en sexto de primaria”. A LOMCE,dixo, é unha lei “corrosiva para o ensino público galego” e recriminou que a Consellería de Educación non fora quen de paralizar esa proba en primaria que hoxe comeza.
O parlamentario afirmou que as revalidas lembran outra época que “é mellor esquecer”
As revalidas de 6º de primaria darán paso as de 4º de ESO e 2º de BAC, revalidas “impropias dos tempos actuais” que nos lembran os tempos do franquismo.
O nacionalista apelou ao goberno galego a que escoite á Comunidade educativa de Galiza que reclama paralizar a LOMCE e as reválidas e instar ao Goberno do Estado a “derrogación da lei” que cualificou de “cancro do sistema educativo galego”.

O deputado nacionalista explicou que a reválida final de primaria que se celebra hoxe, mañá e pasado foi rexeitada con rotundidade pola Comunidade educativa galega, o alumnado, as AMPAS e a Plataforma en defensa do Sistema de Ensino Público galego da que forma parte o BNG. Cosme Pombo considerou que o normal sería que Educación paralizara a proba como están a facer noutras comunidades autónomas. En Galiza, dixo, “non queremos esta reválida porque é unha aberración dende o punto de vista pedagóxico”, sometendo ao alumnado de 11 e 12 anos a unha “presión innecesaria” mediante probas que non consideran a educación como un proceso no que deben prevalecer as circunstancias persoais, socioeconómicas e as capacidades do alumnado. Unha proba, recalcou que só intenta medir as competencias lingüísticas en matemáticas, ciencia e tecnoloxía.
Millóns de euros para celebrar as revalidas mentres continúan os recortes no ensino.
O profesorado, engadiu, considera que se despreza a avaliación continúa dos titores e titoras que son os que mellor coñecen as carencias e potencialidade do alumnado así como os recursos necesarios para mellorar a aprendizaxe escolar.
Finalmente, o deputado afirmou que estas probas “discriminan” ao alumnado con necesidades educativas especiais e supoñen “un gasto inútil” de millóns de euros cando levamos “sete anos de recortes consecutivos no ensino galego”.
O parlamentario agradeceu o apoio dos grupos parlamentarios da oposición e lamentou que unha vez máis, a PP votara en contra de que a consellería reconsidera paralizar esta proba.

Ningún comentario:

Publicar un comentario