xoves, 12 de maio de 2016

Queremos Galego gaña o xuízo da sanción da Delegación do Goberno pola manifestación do 17M de 2013

A plataforma afirma que a denuncia feita contra ella por aquela mobilización masiva “só se comprenden desde a utilización política das institucións a favor dos intereses do Partido Popular”.

Queremos Galego gañou nos xulgados o recurso que a plataforma interpuxera contra a sanción imposta pola Delegación do Goberno por supostos incidentes acontecidos na manifestación do 17 de maio de 2013. A Delegación do Goberno acusou Queremos Galego de “guindar globos e ovos recheos de pintura” ou “realizar diversas pintadas en entidades bancarias e locais comerciais” supostamente durante o percorrido da manifestación que decorrera en Compostela o Día das letras galegas daquel ano. Unha decisión contra a que presentou alegacións esta plataforma e que agora a xustiza vén de clarificar dándolle a razón a Queremos Galego.
A denuncia dos supostos feitos por parte da policía e da Delegación do gobernosó se comprenden, para este colectivo, desde “a utilización política das institucións a favor dos intereses do Partido Popular, naquel momento á fronte do Concello de Santiago, da Xunta e do Goberno do Estado”.
Lembran que a manifestación do 17 de maio de 2013 transcurreu nun ambiente alegre e reivindicativo baixo o lema “non queremos ser estranxeiras na nosa patria”. O portavoz de Queremos Galego e presidente da Mesa pola Normalización Lingüística, Marcos Maceira, sinalou como “este ambiente festivo e reinvindicativo foi destacado ao día seguinte por todos os medios de comunicación” e lembrou as cambadelas do PP a aquela mobilización: negativa municipal a permitir a colocación dun palco ou megafonía, o que foi recorrido no xulgado e gañado por Queremos Galego, ou a modificación sen tempo do percorrido notificado á Delegación do Goberno. “A negativa de Queremos Galego a ceder ás presión do PP para que a manifestación non se celebrase, foi o motivo real da multa”, denunciaron.
“Dóelles o galego e dóelles que a sociedade se mobilice para defendelo con alegría e pacificamente” sinalou Maceira, para resaltar que “a manipulación e a difamación foi absolutamente groseira”
17M
Queremos galego convoca para este 17 de maio unha manifestación nacional co lema “o galego é a vida”, tirado dun verso de Manuel María, activista da lingua, participante habitual das mobilizacións a favor do galego e autor homenaxeado este ano con motivo do Día das Letras Galegas. A mobilización partirá ás 12h da Alameda de Compostela . No acto final, que se desenvolverá na Praza da Quintana,contarán coas actuacións musicais de Mini e Mero e Fran Amil e A tribo incomprensíbel, xunto con lecturas de texto de Manuel María a intervención de Marcos Maceira.
“Este 17 de maio voltaremos ás rúas non só para reivindicar a nosa lingua senón tamén o dereito a facelo que nos quixo roubar o Ministerio do Interior, o mesmo que vulnera a legalidade con acusacións falsas, deturpando a toponimia, ou negando atención a cidadás e cidadás por falaren galego en trámites que ademais son de obrigado cumprimento”.

Ningún comentario:

Publicar un comentario