martes, 10 de maio de 2016

"Todos os avances para a lingua galega foron conquistas sociais"

Queremos Galego lanza o manifesto 'O idioma é a vida' con motivo do 17 de maio. 

A plataforma social Queremos Galego, convocante da manifestación que decorrerá no Día das Letras pola capital da Galiza, vén de lanzar o manifesto 'O idioma é a vida', o texto co que chaman a secundar a xornada de mobilización e que convidan a asinar telematicamente.
O texto salienta que "todos os avances para a lingua galega, por mínimos que fosen, foron conquistas sociais e democráticas" e lembra a fundación das Irmandades da Fala co gallo do seu centenario ou o 50 aniversario da incorporación da lingua galega ao ensino universitario da man do profesor Ricardo Carvalho Calero.
Queremos Galego lembra a fundación das Irmandades da Fala ou a incorporación da lingua galega ao ensino universitario como exemplos dos avances conseguidos socialmente
"A aprobación da Lei de normalización lingüística en 1983, sucedérona outros avances, mesmo acordos aparentemente asumidos por todas as forzas políticas (paralizados ou vulnerados polos gobernos do Partido Popular), como o Plan xeral de normalización da lingua galega de 2004 ou recentemente a Declaración de unidade a prol da normalización da lingua galega que impulsou en xullo do 2015 a Mesa  pola Normalización lingüística", sinala Queremos Galego, "todos estes pasos foron o resultado da acción da sociedade galega, case sempre en solitario, a favor da súa lingua".
Así as cousas, lembran desde a plataforma social "nos últimos anos o goberno do Partido Popular na Xunta, que ten a obriga legal de promover e defender a lingua galega, foi o principal promotor do retroceso do noso idioma". A aprobación do decreto do plurilingüismo ou a recente sentenza do TSXG que rerroga parte da ordenanza de usos do galego aprobada no Concello de Lugo son exemplos, denuncian desde Queremos Galego dos "ataques" contra a lingua propia de Galiza.
A manifestación sairá o 17 de maio desde a Alameda de Compostela
Neste senso, acrecentan, "ademais de políticas activas que sitúen o galego en todos os espazos da vida cotiá onde está excluída, precisamos mudanzas lexislativas que garantan o dereito a vivir en galego e eviten a utilización do poder xudicial para negarnos o dereito e a liberdade de vivirmos sempre en galego". Pois, "O idioma é a vida, di o verso de Manuel María, poeta e activista da lingua, e como a vida dános a forza, o amor, a unidade que mostramos na manifestación de vida e vontade de vivirmos que é o  17 de maio", conclúen.

Ningún comentario:

Publicar un comentario