martes, 24 de maio de 2016

As ferramentas libres superan amplamente ás privativas nas firmas TIC galegas

Segue a medrar a presenza de programación aberta entre as nosas empresas, por moitas e variadas razóns: moitas delas relacionadas coas posibilidades de colaboración que se abren co software libre, a súa accesibilidade tecnolóxica e económica, a súa marxe de adaptación a novas contornas e necesidades ou co importante labor de respaldo das nosas asociacións e empresas, entre outras “causas”. Segundo nos conta a axencia AMTEGA a través do seu Observatorio da Sociedade da Información e a Modernización de Galicia (OSIMGA), o uso de recursos informáticos abertos nas empresas galegas de 10 ou máis traballadores sitúase no 84,9%, por riba doutras Comunidades como Madrid, Catalunya ou Euskadi. No que atinxe ás nosas firmas informáticas o emprego de programas open source medrou en dous puntos respecto do ano anterior. Arestora a taxa é do 86,7%.
Estas e outras información figuran nos dous estudos sobre O uso de Software libre nas empresas e no sector TIC de Galicia. Ano 2015, publicados este 21 de maio polo dito Observatorio, adscrito á Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (AMTEGA), dous informes inseridos nas actuacións de pulo á programación aberta que se establecen no Plan de Acción Software Libre anual que desenvolve o organismo que dirixe Mar Pereira.
Entre os puntos extra máis salientábeis das investigación, amais dos devanditos, figura o seguinte: en termos evolutivos o uso do software libre nas empresas informáticas galegas, aumentou 3,8 puntos nos computadores e 3,6 puntos nos servidores. Tamén se destaca que a taxa destas firmas con servidores sobre open source supera a porcentaxe das que empregan sistemas operativos privativos.
OSIMGA sinala que os programas libres con maior implantación nas empresas galegas seguen a ser os navegadores de internet e as aplicacións ofimáticas. De feito, no último ano incrementouse en 4,4 puntos o uso de sistemas operativos abertos nas grandes empresas galegas (dun 35,1% ao 39,5%), infórmase nas investigacións, nas que se engade que este indicador tamén sobe lixeiramente entre as microempresas galegas, chegando ata o 18,6% (1,4 puntos porcentuais máis que o ano anterior).
Tendo en conta estas e outros números, o software libre imponse como maioritario nas empresas informáticas galegas, cunha “diferenza substancial” no que atinxe ao ámbito dos programas de xestión de contidos web, onde o libre supera ao privativo en 16,7 puntos. Iso si, o privativo aínda segue a ser maioritario en eidos como a xestión de correo, os antivirus, os recursos de seguridade, a xestión empresarial ou a ofimática.
Nos estudos tamén se indica que das empresas informáticas galegas que se adican á venta de software, máis da metade (55,6%) ofertan produtos de software libre aos seus clientes, sobre todo relacionados con sistemas de xestión de bases de datos, servidores e sistemas de xestión de contidos web.
Respecto das razóns esgrimidas para non apostar pola programación aberta nas empresas que a desbotan, estas son as máis comúns: a “incompatibillidade cos sistemas e interlocutores actuais”, a “complexidade ou o risco do cambio” ou a “falta de formación”.
Porén, en relación aos puntos fortes, o que máis se valora é o seguinte: o custo, cun 79,9%, seguido xa, a distancia, da independencia do provedor (46,1%).
Nos informes tamén se di que máis da metade das empresas informáticas galegas apostan por unha tendencia positiva de uso do software libre no mercado, considerando que este aumentará e un 7,8% das empresas que na actualidade non comercializan con programas abertos, afirman que nos vindeiros dous anos ofrecerán algún tipo de produto deste tipo.

Ningún comentario:

Publicar un comentario