mércores, 18 de maio de 2016

Ao redor de 45000 rapaces e rapazas participaron na 16ª edición do Correlingua

O lema deste ano “O galego está en nós” estaba inspirado nun poema de Manuel María.

Ao redor de 45000 rapaces e rapazas participaron na 16ª edición do Correlingua que se desenvolve este ano en 12 localidades (as 7 cidades máis Burela, Ponteareas, A Estrada, Monforte e Cangas) e na que se implicaron aproximadamente 200 centros. Nesta edición, que tiña como lema “O galego está en nós”, inspirado nun poema de Manuel María, colaboraron entre outros e outras a Sés, Federico Rei, Sergio Álvarez ou Ledicia Costas.
Cada unha das carreiras rematou nunha festa final na que se deu lectura ao manifesto gañador e na que actuou un dos grupos gañadores do Cantalingua, outro dos certames do Correlingua, en que os grupos seleccionados foron elixidos polo alumnado e o profesorado de diversos centros que seleccionaron como gañadores a Zënzar, Liviao do Marrao e Pito de Pikasso. Nesta edición contouse para conducir o acto da festa final co grupo teatral Talía Teatro que estivo presente na maioría das localidades.
O Correlingua é unha actividade que dura todo o curso escolar. Iníciase no primeiro trimestre coa convocatoria dos concursos por medio dos cales o alumnado reflexiona sobre a situación do noso idioma e crea os seus propios argumentos (manifesto, vídeo, banda deseñada) para defender o seu dereito a vivir e medrar en galego. Finalmente, no terceiro trimestre e no mes de maio, celébranse as carreiras pola lingua que percorren todo o país, sacando á rúa esta mensaxe en prol do idioma.
A carreira pola lingua está organizada pola CIG-Ensino, a Asociación Socio-Pedagóxica Galega (AS-PG) e a Mesa pola Normalización Lingüística, coa colaboración dos Concellos de Pontevedra, Vigo, A Coruña, Lugo, Santiago de Compostela e Ourense, e as Deputacións de Lugo, Pontevedra e a Coruña.

Ningún comentario:

Publicar un comentario