luns, 16 de maio de 2016

A I Gala do Libro Galego reivindica o carácter “estratéxico” do sector

Díxoo o presidente da Asociación de Escritores e Escritoras en Lingua Galega, Cesáreo Sánchez: o libro galego precisa un tratamento de “sector estratéxico”, como o que se lle recoñeceu na Lei do Libro aprobada no 2006. Alén dun plan de apoio á rede de librarías, a recuperación dunha Consellería de Cultura co peso orzamentario e político que lle corresponde, unha implicación real da Consellería de Industria cun orzamento específico, a creación do varias veces demandado Instituto Rosalía de Castro de promoción da cultura, o apoio firme dos medios de comunicación públicos e, en fin, que a lectura sexa considerada “asunto de Estado”.
Cesáreo Sánchez reclamou que a lectura fose considerada asunto de Estado
Foi na I Gala do Libro Galego, na que se fundiron, por primeira vez, -e non era "sen tempo", tal como salientou o presentador da mesma, o xornalista Camilo Franco-, os premios da Gala das Letras da Asociación de Escritores e Escritoras en Lingua Galega, os da Noite da edición en Galicia da Asociación Galega de Editores e os Premios Irmandade do Libro da Federación de Librarías de Galicia. Mais non houbo grandes sorpresas, -a nivel discursivo, polo menos-, nuns galardóns que contaron coa actuación do grupo Áureas que, xunto ás intervencións de Franco, axudaron a axilizar o ritmo do acto.
Manuel Rivas levou o premio de narrativa por O último día de Terranova (Xerais). Falou de amor e compromiso pola cultura, aínda que pediu un compromiso de tipo máis “paixonal”. Con máis Eros por diante. María Lado non puido estar para recoller o seu premio, na modalidade de poesía, por oso, mamá, si? (Xerais). Manuel Bragado subiu ao escenario para agradecer o galardón do seu nome. María Solar emocionouse un pouco ao recibir o premio de literatura infantil e xuvenil por O meu pesadelo favorito, e Antón Cortizas reclamou a recuperación da “cultura lúdica” na infancia ao recoller o galardón de teatro por Xogando con gatos.  Fran Alonso levou o premio a proxecto literario en rede por Poétic@, e apelou á “conquista” da tecnoloxía desde a literatura e a cultura.
A gala foi tamén, -como adoitaba ser a Gala das Letras-, mostra de que a cultura galega é a base que a sustenta
A gala foi tamén, -como adoitaba ser a Gala das Letras-, mostra de que a cultura galega é a base que a sustenta. Os creadores e creadoras. Os proxectos colectivos. Como Espazo Lectura, galardón á iniciativa cultural ou de fomento da lectura, iniciativa de dinamización cultural realizada en Gondomar. Ou Lendo lendas, digo versos, de Xosé Cobas, Antonio G. Teijeiro e A. Reigosa, gañador na modalidade de iniciativa bibliográfica. Antonio G. Teijeiro remarcou que non debemos “esquecer a nosa tradición oral”. En libro ilustrado, a obra escollida polo xurado foi Cadros dunha exposición. Modest Mussorgsky, de Xosé Cobas, con texto de José Antonio Abad (Kalandraka). En tradución foi Mocidade, de Joseph Conrad, traducido por Alejandro Tobar (Hugin e Munin), quen lembrou ás persoas “comprades libros en galego” e aos “correctores profesionais”.
En xornalismo cultural, o gañador foi o medio de comunicación Sermos Galiza. Os discursos máis reivindicativos viñeron, porén, quizais, das gañadoras do premio de ensaio, as responsables da editorial Apiario Dores Tembrás e Antía Otero, por Poesía Hexágono. Ollada e experiencia. Tembrás sinalou que o ensaio é un xénero que se prodiga pouco nun sistema que desterra “cada vez máis o uso da palabra ao anecdótico e o pensamento ao máis inmediato”. Tamén, curiosamente, o presentador da gala, Camilo Franco, comentou, ao principio da mesma e no “ensaio” que fixo para que público e galardoados comprendesen como ía ser a recolla de premios, que “se cadra os escritores perdemos algo da nosa condición combativa”.
Tembrás sinalou que o ensaio é un xénero que se prodiga pouco nun sistema que desterra “cada vez máis o uso da palabra ao anecdótico e o pensamento ao máis inmediato”
A Asociación de Editores galegos celebrou tamén, -falando de combatividade-, os 25 anos da editorial Laiovento, que levou un dos premios honoríficos, xunto coa libraría Pedreira -premio da Federación de Librarías-, e o autor catalán Pere Gimferrer, galardón Escritor Galego Universal da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega. Gimferrer citou a Jakobson e a relevancia que este concedeu á literatura medieval galego-portuguesa e salientou a súa relación, como lector, cunha “literatura excelsa dun pobo excelso e admirable” como o galego.
Gimferrer salientou a súa relación cunha "literatura excelsa dun pobo excelso e admirable"
Nunha liña confluente, Cesáreo Sánchez apuntaba, xa na presentación da gala, que “cal é a dimensión que queremos que teñan estes premios que hoxe presentamos? A de engadir á necesaria visibilidade social que precisa o noso sistema literario nos seus escritores, editoriais e librarías premiados; tamén a carga simbólica de ser unha celebración feita por todo o sector como forma se reivindicar nun tempo da cultura da imaxe, do efémero e veloz, do curto prazo, nun tempo de apagamento da cultura da palabra, no que parece que o libro está en desvantaxe por ter a calidade da interrogación do presente e de dar respostas ás necesidades humanas do medio e longo prazo”.
"Este acto é para nós a reivindicación da escrita literaria como ferramenta de íntimo coñecemento, de afirmación dese ser colectivo que levamos dentro e do que nos orgullamos que se chama Galiza"
“Este ciclo vital de comunicación entre escritor, editor, libreiro e lector non só achega calidade democrática á sociedade á que pertencemos, mais tamén facilita o coñecemento do ser colectivo que somos os galegos, é dicir, existe ese ser colectivo chamado Galiza porque existen escritores que o soñan, editoras que publican e librarías que son lugares da comunicación entre o texto escrito e editado co lector, como ágora ou íntima praza pública. Neste tempo no que se fala máis de marcas que de cultura, este acto é para nós a reivindicación da escrita literaria como ferramenta de íntimo coñecemento, de afirmación dese ser colectivo que levamos dentro e do que nos orgullamos que se chama Galiza”, concluíu.

Ningún comentario:

Publicar un comentario