luns, 9 de maio de 2016

Telefónica lanza un pack para protexer ao completo a vida dixital da familia

Unha solución de mercado que protexe ás familias de calquera problema derivado dun uso (propio ou alleo) non axeitado da Internet. Así definen Zurich Seguros e Telefónica a solución presentada esta semana por ámbalas compañías: unha plataforma anti-riscos dixitais para os fogares que inclúe, entre outras cousas, servizos dixitais e de cobertura de protección xurídica contra o ciberacoso ou contra o roubo de identidade dixital. Segundo informou Telefónica, “trátase dunha proposta de valor pioneira que cobre a exposición dos menores a Internet e a salvagarda da identidade dixital de pais, nais e fillos”. É pois, en boa medida, a resposta máis ambiciosa da compañía aos novos modos de vida, todos eles abeirados ás TIC, afianzados polo dixital.
O Pack de Protección Online de Zurich e Telefónica lánzase en tres modalidades para adaptarse ás necesidades de cada familia: Persoal (desde 50,27 euros ao ano IVE incluído, e indicado para casos de roubo de identidade), Junior (axeitado para familias que estean interesadas en contratar protección só para os seus fillos menores, desde 52,34 euros de cota anual e IVE incluído) e Integral (desde 92,23 euros anuais IVE incluído, ofrecendo protección para todos os membros da familia).
Segundo informaron as dúas empresas, todos estes servizos son “de utilidade” para a vixilancia e o control do uso dos dispositivos informatizados (móbiles, tabletas e computadores) aos que teñen acceso tanto os menores de idade como o resto de membros da familia, “de forma que se poida garantir a súa navegación segura”. Ademais, abranguen funcionalidades para o seguimento e almacenamento de informes de actividade en liña e o contido das comunicacións, en particular de redes sociais, así como o bloqueo de certos sitios, que os pais ou titores legais do menor establezan. Os sistemas tamén posibilitan detectar resultados de procura inapropiados; limitar o tempo que os fillos pasan en Internet ou conectados aos seus dispositivos; restrinxir o uso de xogos e aplicacións nos seus computadores, móbiles e tabletas; localizar de xeito xeográfico o móbil dos menores; recibir alertas de emerxencia cando os menores se atopen nunha situación problemática ou facer seguimento de chamadas e SMS e previr que accedan a páxinas adultas.
As dúas compañías desenvolveron esta solución coa colaboración dos servizos tecnolóxicos da compañía Lazarus, cuxos especialistas tecnolóxicos achegaron os seus coñecementos e experiencia na xestión das incidencias do medio dixital.

Ningún comentario:

Publicar un comentario