mércores, 18 de maio de 2016

18M: 100 anos das Irmandades da Fala

O 18 de maio de 1916 creábase na Coruña a Irmandade dos Amigos da Fala, a primeira organización política con vocación de masas do nacionalismo galego. Sería o xermolo que, coa pasaxe dos anos, daría lugar ao nacimento, en 1931, do Partido Galeguista de Castelao e Bóveda.

A primeira Irmandade dos Amigos da Fala creouse o 18 de maio de 1916 no local que daquela ocupaba a Real Academia Galega na rúa Rego de ­Auga da Coruña da man do viveirense Antón Vilar Ponte, convocante da xuntanza, e arredor de 20 galeguistas máis, entre os que se encontraban seu irmán Ramón Vilar Ponte, Manuel Lugrís Freire ou Lois Porteiro Garea. Tras dela foron constituíndose outras agrupacións locais ata que, en 1931, se funda o Partido Galeguista, no que quedan integradas as 46 irmandades existentes que se repartían por toda Galiza e mesmo alén das súas fronteiras, en países con comunidades galegas de emigrantes.
“Era un gran irmanamento dos que recoñecían Galiza como nación. Había diferenzas, claro, mais foron quen de, en torno a un mínimo común en chave patriótica, sumar, non restar” (Uxío Breogán-Diéguez)
O nacemento das Irmandades da Fala non se produce no baleiro. Como antesala inmediata está a publicación en xaneiro desde ano, 1916, de 'El Nacionalismo gallego, nuestra afirmación regional', obra de Antón Vilar Ponte que recolle as palabras de Aurelio Ribalta, que chamaba desde o medio que dirixía en Madrid, 'Estudios Gallegos', a crear unha “liga de amigos da fala” para defender o idioma e o país. “Tratábase de reunir a todas as persoas defensoras do idioma e da existencia de Galiza”, indica Uxío-Breogán Diéguez, profesor da Universidade da Coruña, director da revista Murguía, e coordinador dunha obra sobre as Irmandades da Fala que sairá do prelo da man de Laiovento en mes e medio. Fala da importancia de persoeiros como os irmáns Vilar-Ponte ou Aurelio Ribalta, mais tamén de Rodrigo Sáenz, unha figura de referencia no agrarismo galego e polo que este movemento supuxo para entender as Irmandades. “Antes de 1916 había un traballo no agrarismo en chave galeguista, patriótica... e iso deu os seus froitos”, sostén.
Abrir un novo tempo
Para Uxío Breogán Diéguez, a importancia das Irmandades da Fala reside en que “abriron un novo tempo, ensaiaron unha Galiza moderna, actualizada a respeito de Europa” ao tempo que foron quen de crear “toda unha constelación de proxectos e actividades”, desde medios de comunicación (A Nosa Terra, 1916), até as 'escolas de ensiño en galego' (1924), pasando pola súa importancia no nacemento do Seminario de Estudos Galegos (1923), entre outras.
Foi, sostén, a constancia no compromiso desde e para cun país, entendendo, interpretando e afirmando Galiza como unha nación. “Era un gran irmanamento dos que recoñecían Galiza como nación. Había diferenzas, claro, mais foron quen de, en torno a un mínimo común en chave patriótica, sumar, non restar”. E en base a esa idea, explica este profesor da UDC, foron quen de deseñar, sendo conscientes das carencias do país, institucións, entidades... “Mais non so deseñalas ou pensalas, tamén crealas!, que é o máis importante”.
"Abriron un novo tempo, ensaiaron unha Galiza moderna, actualizada a respeito de Europa”
Pulso do pobo
Fronte a tentativa de presentar as Irmandades da Fala como algo propio de “notábeis vilegos”, Uxío-Breogán destaca que eran algo moito máis amplo e rico que o que recolle esa cualificación reducionista. “En maio de 1916 creábanse na Coruña e axiña se estenderon por todo o país, tanto nas cidades como no rural”, reiterando de novo a importancia do agrarismo para entender esta expansión.
Ademais, a partir de 1923, hai tentativas no seo das Irmandades da Fala e por parte de xente como Ramón Vilar-Ponte ou Xosé Pasín (un dos nomes do anarcosindicalismo galego) de constituír unha “organización sindical propia, galega”. Unha mostra de que as Irmandades tiñan vocación de servizo á maioría do país.

Ningún comentario:

Publicar un comentario