xoves, 24 de setembro de 2015

“Máis de 500 alumnos da USC non poderán rematar a licenciatura pola súa extinción”

DENUNCIA DOS COMITÉS
 
Unha campaña solicita que se dea unha solución “urxente” á situación na que se atopan estes estudantes “sen verse prexudicadas por ter que adaptarse ao plan de grao”.

Por volta de 500 alumnos e alumnas da Universidade de Compostela non poderán rematar a licenciatura pola extinción da mesma. É a denuncia clara e concreta que se está a facer nunha campaña, impulsada polos Comités, que pretende que se dea unha solución “urxente” a esta situación “sen verse prexudicadas por ter que adaptarse ao plan de Grao”.
A organización estudantil lembra que no curso 2014/15 varias alumnas e alumnos que estudan polo plan de Licenciatura tiveron que cursar materias de Grao “por mor do plan de extinción das licenciaturas, que neste caso conclúen o vindeiro 30 de setembro”. Ao non superar as oportunidades ordinarias, explican, e co fin de facilitar a posibilidade de rematar os estudos co plan de Licenciatura (“e non ter que adaptarse ao de Grao, en parte polo perxuízo económico que suporía”), solicitaron ás institucións universitarias unha oportunidade extraordinaria en setembro.
Sempre segundo o relato dos Comités, “as respostas que recibiron foron pouco alentadoras, mais o Consello de Goberno da USC reunido o 29 de xullo de 2015 aprobou que se convoque unha proba extraordinaria en setembro”. Porén, un dos requisitos para concorrer a esa proba é ter suspensas as 2 oportunidades ordinarias. Mais iso deixaría fóra a aqueles estudantes que, como os da situación que se advirte, non se presentaron a algunha desas oportunidades.
Perante iso, solicitaron unha reunión coa Secretaría Xeral “para tratar este tema que afecta a máis de 500 estudantes de licenciaturas como Bioloxía e Economía”, mais non obtiveron solucións no encontro, polo que pediron “unha reunión urxente co reitor para tratar en persoa este tema”. Hai unha campaña de recollida de sinaturas.

Ningún comentario:

Publicar un comentario