O
proxecto europeo de investigación educativa con xogos electrónicos,
eCity, quer reunir coa
axuda dos seus responsábeis
na Universidade de Vigo ao alumnado dos primeiros cursos das
enxeñarías e dos últimos de bacharelato e ciclos formativos para
que participen nas experiencias piloto que se están a realizar no
Campus ao abeiro deste programa. O que se persegue con esta
iniciativa é deseñar, desenvolver e validar unha metodoloxía
pedagóxica, co apoio dunha plataforma en liña colaborativa que
permite facer simulacións do desenvolvemento dunha cidade,
estimulando a integración e a explotación continua de Aprendizaxe
Baseada en Problemas nas escolas de enxeñaría, pero, ao mesmo
tempo, fomentando tamén o interese pola enxeñaría nos estudantes
das escolas secundarias.
Cómpre dicir que neste proxecto xa
participaron arredor de 120 alumnos e alumnas, 50 das diferentes
escolas de enxeñaría do campus e 70 do IES Escolas Proval de
Nigrán, aos que en datas vindeiras se sumarán alumnado do colexio
Los Sauces. No campus a seguinte cita será o martes 29 de
setembro no laboratorio ASo6 de 13.00 a 14.00 horas ou de 15.00 a
16.00 horas.
Aqueles que decidan achegarse terán a oportunidade
de deseñar a súa propia cidade virtual e experimentar con ela. Cada
un deles elixirá entre oito escenarios de xogo dispoñíbeis que lle
permitirán mergullarse nun determinado tema: distribución de
enerxía, cobertura móbil e de internet, enerxías renovábeis,
protección contra terremotos e inundacións, polución ou mesmo
crear unha rede pública de transporte.
O proceso de
aprendizaxe neste encontro xirará arredor do interese do alumnado
por resolver un problema real a través dun xogo “nunha maneira
máis ou menos simplificada”. Logo o alumno desenvolve estratexias
e coñecementos para resolvelo. Asemade, traballarase tamén coa
colaboración en grupo (o alumnado cos mellores resultados compartirá
estratexias cos demais desenvolvendo debates). Segundo explica Manuel
Caeiro, docente que participa no proxecto, “o
estudante é o protagonista, mentres que o docente adopta un papel de
orientador e facilitador de información cando é preciso, de forma
que se contribúe a mellorar as competencias de resolución de
problemas dos alumnos e o seu concepto de autoeficacia”.
Ningún comentario:
Publicar un comentario