martes, 15 de setembro de 2015

"Estamos a perder bens culturais e patrimonio demasiado rápido"

Bea Comendador é unha arqueóloga cunha longa traxectoria de traballo no país. Ex decana da Facultade de Historia na Universidade de Vigo, nesta entrevista debulla a situación actual do patrimonio en Galicia e destaca os perigos, pero tamén, as posibilidades que ten. 

Bea Comendador é doutora en Xeografía e Historia pola USC, profesora na Área de Prehistoria da Universidade de Vigo e membro do Grupo de Estudos de Arqueoloxía, Antigüidade e Territorio (GEAAT). Foi decana da Facultade de Historia de Ourense (2011-2014).
 
Traballou na posta en valor do xacemento arqueolóxico do Castro de Elviña (A Coruña). Participou en diversos proxectos como o Proxecto Urdiñeira, e San Vitor de Barxacova, Alto Támega, IDE-OU, ou o Proxecto ENARDAS e é autora de diversas publicacións e de varios blogs de difusión ou de reflexión sobre a presenza da
arqueoloxía e o pasado na sociedade actual, como Pasado Reciclado.
 
Actualmente é vicedecana da Facultade de Historia do Campus de Ourense da Universidade de Vigo, coordinadora e docente no Máster en Valoración, Xestión e Protección do Patrimonio Cultural, e cocoordinadora e docente no Máster Interuniversitario en Arqueoloxía e Ciencias da Antigüidade (USC-UVIGO+ Incipit-CSIC).
 
Unha longa traxectoria profesional na que viu de todo. Por iso, critica a situación de abandono e de desprotección dos nosos bens, pero destaca a toma de conciencia sobre este feito de distintos axentes e colectivos. "Neste senso son optimista", indica. "Síntome ben sabendo que hai xente que turran polo pais, con dedicación, paixón e agarimo", engade.
 
Tamén suliña que é fundamental mudar a política educativa do pais, tamén en outros eidos,"porque as leis non son eficaces nin as veces xustas" para protexer o patrimonio. "Por iso é fundamental a labor de difusión pero tamén unha boa xestión do territorio", engade.
 
Ademais, fala desa "especie de conflito" que hai entre a arqueoloxía oficial e certos colectivos, "co transfundo da reacción corporativa polo tema do voluntariado". "E penso que se perde moito tempo confundindo aos inimigos, e que habería que ir pensando como facer un esforzo para traballar conxuntamente establecendo certos obxectivos claros".
 
Como cres que está a situación actual do patrimonio galego?
Penso que estamos a perder bens culturais e elementos patrimoniais demasiado rápido por diversas causas e que isto é preocupante. Pero tamén penso que estamos a vivir un momento de inflexión en varios niveis, por exemplo en canto á toma de conciencia sobre este feito de distintos axentes e colectivos, e neste senso son optimista. Penso que é fundamental mudar a política educativa do pais, tamén en outros eidos, porque as leis non son eficaces nin as veces xustas, e as administracións que tutelan os bens están debilitadas, é preciso comezar a xerar o respecto por esta herdanza pero nas escolas.
 
E a cres que se deben que haxa tantos atentados a mámoas, petróglifos, castros ou outros bens?
Non teño claro que haxa máis ou menos atentados que antes, pero o que si sei é que decatámonos de moitos máis. As redes sociais tanto reais como virtuais denuncian publicamente estes actos e tamén moven á opinión pública, na procura da audiencia e a implicación dos nosos políticos. Pero o importante é a implicación de toda a sociedade, non so dos funcionarios burócratas ou dos especialistas. Porque a sociedade ten mudado, ao igual que os conceptos, pero obviamente hai sectores que non están sensibilizados ou mesmo reaccionan de xeito negativo ante a necesidade de conservar un patrimonio en certo modo “imposto” polo Estado.
 
Unha das recentes desfeitas tivo lugar na estación de petróglifos dos Mouchos que ti coñeces. Como está agora ese sitio arqueolóxico?
A verdade é que non o coñezo tan ben, e hai anos que non vou por alí. Coñecín a nova polas redes sociais e a través dos contactos que teño con Juan Carlos Collazo e os Pandulleiros da Illa. Fan unha labor constante de tutela, de difusión e de dinamización social, tamén por volta dos bens culturais de Arousa, cun enfoque máis aló do material. Síntome ben sabendo que hai xente como eles que turran polo pais, con dedicación, paixón e agarimo, en Arousa e noutras partes de Galicia.
O que sei é que recentemente nos Mouchos alguén faltoulle ao respecto ao "encanto das pedras", pintando unhas mans brancas por riba dos gravados. Non sei se foi por ignorancia ou mala fe. Tamén sei que querendo limpalos, posiblemente con boa fe, rascaron a pedra e deixaron unha marca que tamén é unha forma de agresión. Neste senso, hai que deixar as cousas en mas de profesionais. Pero tamén sei que deuse a voz de alarma dende a xente de a pé que moveuse rápido, e que a opinión pública conseguiu mobilizar á administración, tamén para obter un compromiso para o futuro desta estación. 
 
Semella que a xente non sabe da súa importancia. Que ocultan eses petróglifos e porque son tan importantes?
Tanto eses como outros petróglifos realmente forman parte do que somos. Son "sinais nas pedras" que falan do que fomos noutros tempos e como deixamos a pegada na paisaxe. Moita xente non se decata as veces da excepcionalidade e importancia deste legado que temos no noroeste atlántico. Son testemuñas que resistiron o paso do tempo, pero fráxiles ante o desleixo, os intereses económicos e tamén a ignorancia. E non menos importante e o patrimonio intanxible vinculado na memoria da xente e os paisaxes nos que están insertos... O lume destrúe moito máis do que pensamos. Por iso é fundamental a labor de difusión pero tamén unha boa xestión do territorio. 
 
Tamén o atentado contra unha mámoa en San Cristobo de Cea deu a volta ao mundo co famoso merendeiro que se fixo enriba. Cres que falta conciencia patrimonial entre a sociedade?
Sei que a nova converteuse en viral nas redes, pero descoñezo o que aconteceu realmente. En todo caso, o enfoque dos titulares ás veces é moi sensacionalista. A reciclaxe das laxes das estructuras dos túmulos é algo que coñecemos de sempre. Forma parte da mentalidade da "reciclaxe" da pedra. Lembro que na necrópole de Vixiador en Candeán, escavamos unha mámoa fortemente violada. Chimparan os chantos para facer postes de viñas, e coa laxe de cabeceira, que mesmo tiña restos de pintura, intentaron facer o mesmo e rompeulles no propio sitio. Pero estas cousas non ocupaban titulares. 
O que é impresentable é que siga ocorrendo e que os responsables locais, que teñen coñecemento do que hai, non establezan as medidas para que non sucedan estas cousas. E agora, coa nova lei de patrimonio a implantar, pode ser peor aínda, porque deixa máis atribucións aos concellos.
 
E como se pode solucionar esta situación?
Xa falei da implicación social, pero eu comezaría polo compromiso político e por cambiar as cousas nas urnas, porque son precisas outro tipo de políticas. Tamén por fortalecer as institucións responsables, que traballan nunha situación de debilidade. 
 
Bea, ti levas moitos anos pateando media Galicia e desenterrando a súa historia. Como ves o estado actual da arqueoloxía do noso país?
A arqueoloxía en xeral pasa por un momento interesante. Por unha banda, a incorporación das novas tecnoloxías está a revolucionar o rexistro e mesmo o xeito de facer arqueoloxía, incorporando ademais a diversos axentes no proceso de construción do coñecemento. Se embargo, a carencia de fondos fai que moitas veces se venda fume e se faga espectáculo, convertendo estas ferramentas no fin. Vexo que ás veces hai moita farándula e pouco contido. A arqueoloxía no é so descubrir e catalogar cousas, hai que facer investigación e xerar discursos sobre os bens, xerar coñecemento.
Por outra banda, hai unha especie de conflito entre a arqueoloxía oficial e certos colectivos, co transfundo da reacción corporativa polo tema do voluntariado. E penso que se perde moito tempo confundindo aos inimigos, e que habería que ir pensando como facer un esforzo para traballar conxuntamente establecendo certos obxectivos claros.
 
Que cres que se está a facer mal? 
Mal a política, especialmente os recortes en materia cultural e educativa. Sangrante o éxodo xente nova, entre eles de investigadores ben formados que pre ou postdoutorados, que emigran a outros países para poder obter un futuro profesional y persoal.
 
E resaltarías algo positivo?
Positivo, o crecente conxunto de axentes individuais e entidades ou asociacións que traballan polo patrimonio, dun xeito integrado conxuntamente co patrimonio natural, e dende distintos modelos. Tamén a toma de conciencia da necesidade de formar parte da xestión dos bens, ata a autoxestión. Pero debería estruturarse nun tecido ou rede de apoio colaborativo, porque por exemplo, moitas asociacións que comezan aprenderían moito das experiencias de outras. A nós, na universidade, gustaríanos participar en algo de este tipo, pero moita xente destes colectivos rexeita ás academias, a veces con razón, e outras non, por prexuizos diversos. 
 
E desde a túa posición de docente, cres que hai interese entre a mocidade sobre o noso patrimonio?
Moita xente nova está doente de desleixo e  falta de motivación. Supoño que a situación política do pais axuda. Tras varias reformas educativas, chegan ás aulas con pouco pulo. Algúns chegan motivados, pero á universidade coa súa crecente burocracia, pasa por eles. Por iso, o noso gran reto e romper esa inercia e procurar neles fomentar a vocación polo pasado para mudar o futuro. Dedicarse a arqueoloxía e á historia a través da docencia é unha labor que leva moita enerxía, pero tamén ten moitas satisfaccións.
Co alumnado xa de terceiro ciclo, resulta impactante o forte interese que a xente ten polos estudos sobre Patrimonio Cultural, tanto na súa vertente de conservación-restauración, coma no ámbito da interpretación. Pero é lamentable a falta de apoio aos centros. Dígase por exemplo a situación da titulación da Escola Superior de Conservación e Restauración de Bens Culturais de Galicia en Pontevedra, ou que o Museo Arqueolóxico de Ourense leve máis de doce anos pechado.
 
Uns consellos para que os nosos lectores valoren ou coiden o que temos…
Hoxe hai moitas formas de participar dun xeito activo na valoración e coidado do patrimonio. Ás veces pensamos en cousas grandilocuentes, ou en monumentos que están lonxanos, e nen sequera coñecemos a importancia do que temos a carón da casa. Comezar a protexer e valorar o que temos nós, significa dignificarnos como pobo. E se teñen nenos ou nenas na casa, que lles aprendan a ver con outro ollar estas cousas. 
 
E, xa para rematar, que ben recomendarías para ir visitar e por que?
Recomendaría comezar por conectar na casa aos máis novos cos vellos, e que pregunten que é o que lles gustaba ver. Facer un mapa mental do que é importante para eles. Non so dos “monumentos histórico-artísticos”, senón daqueles lugares, cousas ou lembranzas coas que se identifican e senten ben. Desenvolver esa sensibilidade polo noso é o mellor xeito de comezar a respectalo. Porque como di unha amiga miña especialista na arte rupestre, "o importante é sempre o que está fora da vista".

Ningún comentario:

Publicar un comentario