A Xunta mantén o acordo que permite á transnacional MPLC o cobro dun cánon polo uso de materiais audiovisuiais nas aulas. A CIG-Ensino exixie a súa derrogación e insta as direccións dos centros á insubmisión.
Máis un curso académico, como xa aconteceu no pasado, os centros de ensino de Galiza están a recibir cartas remitidas pola empresa transnacional Motion Picture Licensing Company (MPLC) nas que se lles exixe o pagamento dun canon pola reprodución de contidos audiovisuais nas aulas.As misivas resultan da aplicación do acordo asinado pola Consellaría de Educación coa transnacional a cambio dunha licenza. Porén, ao contrario do que acontecía o pasado ano cuxo prezo estabelecía un custe de 1,25€ por estudante, MPLC reclama --segundo denunciou a CIGEnsino-- "novos prezos que van dos 200 €, no caso dos centros con 300 alumnos, aos 995 €, en caso de superar os 1500".
Aliás, sinalan desde a central sindical, "a Consellaría non só permite o lucro de empresas privadas de Madrid a expensas dos orzamentos dos centros educativos públicos, senón que mesmo permite unha auténtica caza de bruxas, pois a comunicación enviada por estas empresas aos centros dá a entender que o pago ten que ser feito antes do 15 de outubro, data en que remata a validez dos prezos indicados".
Desde a CIG-Ensino reclaman a anulación do acordo e exixen que sexa a Consellaría de Educación a que asuma o pagamento das licenzas para dar cumprimento á Lei de propiedade intelectual en troca dos centros.
Asemade, instan as direccións a non responder as cartas que lles foron remitidas ao tempo que a declarárense insubmis@s ao pagamento dun "imposto", denuncian, "por realizar o seu traballo". Neste senso, a central sindical nacionalista avanzou que acudirá ao Parlamento de Galiza e ao Valedor do Pobo para que sexan adoptadas as medidas oportunas.
Ningún comentario:
Publicar un comentario