mércores, 30 de setembro de 2015

O PP fecha a porta a debater no Parlamento sobre o coñecemento da obra de Castelao

A ILP TIVO O APOIO DE PSDEG, BNG, AGE E GRUPO MIXTO
 
A iniciativa lexislativa popular “sobre o dereito ao coñecemento e a contemplación da obra de Castelao polo pobo galego” non será tramitada ao tirar o Partido Popular da súa maioría parlamentar. “É un novo enterramento de Castelao”, recriminoulles Pilar García Negro, valedora da ILP.

A ILP “sobre o dereito ao coñecemento e a contemplación da obra de Castelao polo pobo galego” non foi admitida a trámite no Parlamento de Galiza. Malia as máis de 11.000 sinaturas reunidas nestes meses por distintos puntos do país e malia o apoio de toda a oposición (BNG, AGE, PSdeG e Grupo Mixto), a iniciativa lexislativa popular non foi tomada en consideración por mor do rodete aplicado polo Partido Popular. “Non é correcta a idea de difundir o pensamento de alguén a través dunha lei”, manifestou o deputado Agustín Baamonde como un dos argumentos do PP para votar contra unha ILP que só pedía compromiso e medidas para permitir á sociedade galega coñecer a obra do rianxeiro, gran parte da cal segue sen poder ser contemplada.
Pilar García Negro, que defendeu perante a Cámara a ILP, promovida pola federación de asociacións culturais, Galiza Cultura, e asinada por máis de 11 mil persoas, lamentou a decisión do PP como “un novo enterramento de Castelao”. Preguntou ao grupo parlamentar popular por que “teiman” en que a sociedade galega poida seguir sen contemplar, por exemplo, “unha obra artística inxente do rianxeiro que está amoreada nunha macro-nave da Coruña”. E inqueriu a Baamonde sobre se o “quid” da actitude do PP a respeito desta iniciativa non derivaría de que Castelao era nacionalista.
Apoios
García Negro foi a primeira en subir á tribuna do Parlamento, desde onde defendeu a iniciativa lexislativa popular. Unha iniciativa, como ella lembrou, que parte da constatación de que aínda hoxe hai unha “ignorancia” sobre a obra de Daniel Castelao, de quen dixo que fora “o compatriota que mellor nos representou a todos os galegos no século XX”. A profesora da UDC e escritora afirmou que “Castelao non debe ter data de caducidade” e que a Xunta e os poderes públicos deben implicarse na catalogación, promoción e difusión dunha obra “inxente”, que abarca diferentes eidos e que o pobo galego ten dereito a coñecer, contemplar e valorar. Citou García Negro a Blanco Amor para pedir que “non deixemos morrer os nosos mortos.
Carme Iglesias, do grupo mixto, foi a primeira en tomar a palabra após a intervención de García Negro. Anunciou o voto a prol da ILP e cargou contra os partidos que “seguen a desconfiar de Castelao”, nunha actitude que “contrasta con que reivindiquen a Camilo José Cela”. A parlamentar ourensá mesmo propuxo que o Gaiás fose a Casa Castelao e alí acoller obras e exposicións do político, escritor e artista rianxeiro.
“Sen manipulacións”
Castelao segue vixente. Así o manifestou a deputada do BNG Ana Pontón na súa intervención, onde anunciou o apoio dos nacionalistas á ILP e explicou que a iniciativa “só procura que Castelao chegue a todos e todas, sen manipulacións”. Lembrou que outras iniciativas parlamentares en defensa da obra Castelao, malia ser aprobadas, foron “ignoradas” na práctica. “Este país ten unha débeda con Castelao”, manifestou Pontón.
De por parte, Beiras aproveitou a defensa do apoio do seu grupo, AGE, á ILP para afirmar que “se somos galegos non é só por estar nun territorio chamado Galiza”, e defender Castelao como “gran coñecedor do país e das súas xentes”, unha persoa leal ás clases populares”. Tamén o PSdeG apoiou a ILP de Castelao, “un dos políticos máis auténticos e honrados do noso país. Os socialistas reclamáronse “herdeiros” do rianxeiro malia “discrepar en cousas como o dereito de auto-determinación”.
Embora a unanimidade da oposición e as máis de 11.000 sinaturas, a ILP ficou ás portas do Parlamento. Así o decidiron os votos dos deputados do Partido Popular.
Seguindo o debate no Parlamento, estiveron como convidados varios membros da comisión promotora da iniciativa lexislativa popular: Marcos Maceiras (presidente da MNL), Anxo Louzao (secretario nacional de CIG-Ensino), David Otero (Fundación Castelao), Carmen Vilariño (AS-PG), Francisco Rodríguez, Clara Isabel Iglesias (Vagalumes), María Antonia Pérez (O Galo), Lucía Carreira.

Ningún comentario:

Publicar un comentario