Na clausura aprobaron un manifesto no que defenden o dereito de autodeterminación dos pobos e amosan a solidariedade con aqueles que "padecen o terror" abocando a súa xente a "exilios" e "expatriacións".
A cidade da Coruña acolleu os días 18 e 19 de setembro a terceira edición do Galeusca Historia. Unha dupla xornada de traballo arredor dos exilios e migracións que xuntou historiador@s da Galiza, Euskadi e Catalunya.Nestas terceiras xornadas, que veñen a dar continuidade ás decorridas en Barcelona (2010) e Bilbo (2012), @s asistentes partillaron experiencias e ideas nun encontro que contou coa colaboración de dúas entidades locais: a Agrupación Cultural Alexandre Bóveda e a Comisión para a recuperación da memoria histórica.
Da man do músico Xurxo Souto percorreron as rúas da cidade herculina e coa Comisión da memoria homenaxearon as persoas represaliadas após o golpe de estado fascista de 1936. Na visita aos conxuntos memorialísticos da Avenida Navarra, no barrio de Monte Alto, e ao situado no Campo da Rata, @s integrantes do III Galeusca Historia estiveron acompañad@s por Amalia Bóveda Álvarez filla de Alexandre Bóveda e Amelia Álvarez, e Elvira Varela Vao, filla de Elvira Bao e Bernardino Varela.
A cimeira lembrou as persoas represaliadas polo fascismo da man da Comisión para a recuperación da memoria da CoruñaPara clausurar a terceira edición destas xornadas historiográficas, @s asistentes aprobaron un manifesto no que amosan a súa solidariedade "con todos os pobos que padecen o terror e se ven obrigados a exilios e expatriacións, realidade que pasou a primeiro plano nas últimas semanas para o caso da Siria".
Asemade, amosaron a súa solidariedade "con todas as nacións sen Estado que procuran o seu recoñecimento e o desenvolvimento do seu libre dereito de autodeterminación, nomeadamente solidarizámonos coa nación catalá".
Ningún comentario:
Publicar un comentario