Seguimos a falar do
“cousas electrónicas” e da súa presenza nos nosos fogares e
hábitos logo
de darmos conta esta mañá do último informe ao respecto do
Ministerio de Industria. Os datos dos que imos informar agora
cóllennos máis de preto en todos os sentidos e, polo tanto,
revístense dunha importancia moito maior: son datos extraidos do
máis recente documento de traballo do Observatorio da Cultura Galega
(DT-OCG), o
estudo As TIC, redes e cultura, unha investigación que
avalía en detalle a nosa relación (a das galegas/os) coas novas
tecnoloxías como mediadoras e canalizadoras do noso achegamento aos
libros, á música ou ao audiovisual. O libro electrónico é o gran
protagonista do informe: ascendeu un 70% no último ano, en parte
grazas ao mellor equipamento tecnolóxico dos nosos fogares, en parte
por mor dun uso máis frecuente do mesmo (máis contidos para subir,
máis redes sociais, máis blogs).
Do estudo despréndese
que a maior presenza destes hábitos culturais é consecuencia e
complemento lóxico doutras cifras complementarias que non deixan de
medrar. Por exemplo, o número ordenadores nos nosos domicilios, que
se incrementou en 4,2 puntos en 2014 con respecto ao ano anterior
(con tendencia á alza), ficando agora nun 72,6%. Ademais, a
televisión está no 99,3% das nosas casas e só a radio retrocede
tres puntos ao rexistrar un 77,3% de usuarios en 2014. Consecuencia
de todo isto e dun afianzamento máis claro e fortalecido das
actividades diarias en liña é o crecemento do libro electrónico
cunha suba do 70% e unha presenza nas nosas vidas do 16,5%, unha
cifra que, malia ser salientábel, anda lonxe “do que acontece en
Madrid e no Euskadi, onte teñen unha cota de uso dun 33,1% e dun
27,5% respectivamente”, explica o Observatorio.
O informe, con todo, vai
alén de todo isto e serve como análise do emprego que a cidadanía
galega fai das tecnoloxías. Entre as máis usadas atópanse as
seguintes: a busca de información sobre bens e servizos a través de
Internet e o uso do correo electrónico, seguidos da lectura e
descarga de novas, xornais e revistas de actualidade na Rede. Neste
último servizo, as e os galegos superan a media estatal en 10 puntos
porcentuais, un 87,3% fronte a un 77,6%. Así mesmo, cada vez son
máis as persoas que manexan os servizos da banca electrónica, é
dicir, un 50,5% dos usuarios galegos e un 49,1% do total de España.
O DT-OCG tamén constata
que a idade segue a ser un factor decisivo no emprego da Rede: todas
as persoas novas tira partido dela, taxa que vai caendo a medida que
a idade aumenta (en 2014, só o 25% dos que teñen máis de 65 anos
declaran unha utilización frecuente da Internet).
Polo que atinxe aos
indicadores de comercio electrónico por parte dos galegos e galegas,
en 2014 medraron en case 270.000 as persoas que mercaron por Internet
con respecto a 2013. “O uso máis frecuente”, explícase, “é
para mercar entradas de concertos ou espectáculos, feito que
compartimos coa media estatal; séguelle a compra de equipamentos
electrónicos e informáticos, libros (incluídos os electrónicos),
revistas e xornais”. Porén, na nosa terra caeu de forma
salientábel a merca de filmes e música, que pasan dun 23,3% en 2013
a un 16,4% en 2014,
No informe tamén se
indica que a cidadanía galega manexa as redes sociais en primeiro
lugar para “relacionarse” e, en segundo lugar, “para estar
informada”. As máis empregadas son Facebook, Twitter, Google +,
Instagram e LinkedIn. No tocante á navegación, as páxinas galegas
máis visitadas polos internautas en 2014 foron lavozdegalicia.es,
mundo-r.com, farodevigo.es, meteogalicia.es e xunta.es. No que
concirne ao servizo de mensaxería, o WhatsApp segue a ser “o
servizo preferido”, cun 92,4% de usuarios, que medra 6,8 puntos con
respecto ao ano anterior. Facebook Messenger e Skype tamén soben,
pero dun xeito máis limitado.
A investigación conclúe
que tanto en Galicia coma no conxunto de España, as cinco
actividades principais dos internautas son: ler novas de actualidade,
visualizar vídeos en liña, consultar previsións meteorolóxicas e
mapas e escoitar música.
Ningún comentario:
Publicar un comentario