A
nosa lingua ten que medrar e para facelo ten que estar presente en
todos os eidos, incluído Internet. Con esta intención, e coa de
botar unha man lingüística á quen o precise, nacía o primeiro
Dicionario de Sinónimos do
Galego, editado pola Universidade de Vigo. Nesta nova queremos
dar conta do éxito
da dita ferramenta, a cal supera xa as 100.000 consultas en liña e o
millar de descargas en Google Play, a tenda de produtos para
aparellos con Android, e na App Store de Apple, cifras que os seus
autores valoran como “moi elevadas”, xa que a versión móbil
leva apenas uns meses en
funcionamento. A obra foi
elaborada polos docentes Xosé Mª Gómez Clemente, Xavier Gómez
Guinovart e Alberto Simões.
O
novo trebello tecnolóxico-lingüístico contén máis de 200.000
voces na nosa lingua agrupadas nunhas 30.000 entradas. “A idea
inicial foi pór a disposición do público o dicionario a través da
web do Seminario de Lingüística
Informática, como facemos en xeral con todos os recursos
lingüísticos que desenvolvemos no grupo de investigación en
Tecnoloxías e Aplicacións da Lingua Galega (TALG) no que estou
integrado”, subliña Gómez Guinovart, ao tempo que explica que a
posibilidade de distribuír o dicionario tamén con feitura de
aplicación móbil foi posterior e xurdiu nunha conversa de traballo
cos integrantes da Área de Normalización Lingüística, que editou
este traballo a través do convenio de colaboración en materia de
normalización lingüística entre a Universidade
de Vigo e a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación
Universitaria.
Ao comezo
do proxecto os investigadores carecían de ningún dicionario de
sinónimos, nin comercial nin libre, en soporte dixital no que
basearse e, por esta razón, optaron por revisar, ampliar e
dixitalizar un dicionario de sinónimos tradicional do galego
publicado en papel e xa descatalogado: o dicionario publicado por
Galaxia en 1997 baixo a coordinación de Camiño Noia, Xosé María
Gómez Clemente e Pedro Benavente, e que contou coa participación de
Gonzalo Constela, Xosé Henrique Costas e Valentín Arias na súa
redacción, un traballo ao que se refiren como excelente.
Os
traballos de elaboración do novo dicionario electrónico de
sinónimos efectuáronse en tres fases. Segundo explican os
investigadores, a primeira tarefa consistiu en converter a
información textual desestruturada dos ficheiros de Word nunha base
de datos lexicográfica normalizada. A segunda etapa consistiu na
normalización da súa ortografía, morfoloxía e léxico consonte á
normativa oficial vixente do galego establecida en 2003. Unha vez
rematada a normalización informática e lingüística do texto,
prepararon unha interface web para facer máis doada a súa consulta
pública e emprenderon unha dilatada fase de ampliación e revisión
lexicográfica que incluíu a expansión dos sinónimos que dan lugar
a pistas perdidas no dicionario e a resolución das remisións
lexicográficas dende unhas entradas a outras.
Alén deste dicionario de sinónimos, os investigadores
do Seminario de Lingüística Informática, ao que pertence Gómez
Guinovart, atópanse inmersos na construción do Galnet, unha base de
datos léxica para o galego ao estilo WordNet do inglés, unha
ferramenta que xa foi adoptada por Google como parte da tecnoloxía
empregada na actualidade por Google Translate para a tradución
automática da lingua galega.
Ningún comentario:
Publicar un comentario