Queremos Galego ocupou de forma simbólica o hórreo de Carnota, en A
Coruña, para sensibilizar os veciños da situación pola que pasa o uso do
galego, "a peor da súa historia", e "articular unha ampla resposta
colectiva" a favor desta lingua.
A deste sábado é unha das
iniciativas que a plataforma prevé levar a cabo nos puntos máis
emblemáticos da Costa da Morte co fin de que se "erradiquen" os "vellos
prexuízos" contra o idioma de Galicia, "acrecentados nos últimos tempos,
e "recuperar os espazos que lle son negados".
Despois de que o
grupo de pandereteras 'Millo Verde' dese inicio ao acto, o alcalde de
Carnota, Ramón Noceda, deu a benvida á plataforma, á que agradeceu o seu
labor en defensa do idioma propio de Galicia.
Tras iso, tomaron a
palabra distintas personalidades do mundo da cultura na bisbarra, como
Paco Souto, Mónica Góñez ou Alex López, que deron paso ao presidente da
Mesa Pola Normalización Lingüística, Marcos Maceira.
Na súa
intervención, Maceira denunciou que "cada maltrato á lingua" é "un
maltrato colectivo ao pobo galego" e apostou por "frear" estas agresións
para "poder avanzar na reposición e recuperación de espazos para o
galego".
Con todo, o presidente da Mesa mostrouse "optimista"
sobre o futuro do galego. "A acción diaria de centos de colectivos
demostran que é posible outra situación para a lingua galega, que o
galego está vivo e ten futuro porque unha grande parte do pobo así
quéreo", apuntou.
Ningún comentario:
Publicar un comentario