CIG-Ensino tamén critica que a Xefatura territorial de Educación de Pontevedra segue a incumprir a Orde que fixa os cadros de persoal nalgúns centros.
No IES da Sangriña a inspección educativa pretende obrigar, de maneira indirecta, a que un grupo de alumnado de Bacharelato teña que cursar relixión a pesar de que o IES da Sangriña ofertou a materia deTécnicas de disertación e debate.
Iso é o que denuncia, cando menos, a CIG, que lembra que o Decreto
86/2015, do 25 de xuño, polo que se establece o currículo da educación
secundaria obrigatoria e do bacharelato recolle a posibilidade de que os
centros oferten materias de libre configuración.
Esta central sindical denuncia que o inspector do centro negou a autorización reiteradamente,
a pesar de que a materia conta con 16 alumnos inscritos desde o mes de
xuño e de que se lle fixo saber que a denegación da autorización da
materia se traduce na práctica na obriga, para o alumnado, de ter que
cursar relixión.
“Isto significa obrigar o alumnado afectado a cursar relixión,
e o centro a refacer os horarios xa confeccionados de acordo coa oferta
e as matrículas realizadas”, critica. Por iso, esixirá ante a Xefatura
Territorial que se acepte a materia ofertada polo centro, de acordo co
expresado polo Inspector Xefe en reunión mantida cos directores e
directoras no pasado mes de xuño.
A CIG-Ensino denuncia tamén que a Xefatura territorial de Educación de Pontevedra
segue un ano máis a incumprir a Orde do 12 de agosto do 2010 polo que
se establece o número de unidades e postos de traballo docentes en
educación infantil, primaria e educación especial.
É o caso do CPI Suárez Marquier do Rosal e o CEIP de Barrantes en Tomiño
que seguen sen contar con todo o profesorado que lle corresponde por
catálogo. Para a CIG-Ensino “é inadmisíbel que a Xefatura territorial
actúe deste xeito, incumprindo a lexislación vixente e poñendo en
entredito o traballo dos centros”.
Tamén critica que a Xefatura Territorial segue sen atender a petición
dos centros de Primaria de Tui de incrementar a dotación de profesorado
de Audición e inguaxe de acordo coas necesidades que teñen os centros.
Ningún comentario:
Publicar un comentario