Marcos Maceira: “Ademais do rexeitamento social que levanta, o resultado do actual decreto demostra o seu nivel de agresividade contra o galego ”.
“Actuar a favor do galego é unha obriga e unha responsabilidade de Feixó que non se pode agochar detrás dos tribunais para atacar a lingua de Galiza”.
Da entidade en defensa da lingua galega sinalan “que máis alá de discusións xurídicas onde parece que os principais órganos xudiciais aceptan tanto a inmersión lingüística en Cataluña como a prohibición de impartir en galego determinadas materias”, a decisión de limitar ou potenciar o galego nas aulas corresponde ao goberno galego, que debe atender as demandas sociais.
Lembran como aínda sendo o decreto de 2007 absolutamente legal e tendo un grande respaldo, o actual decreto foi aprobado unilateralmente polo goberno de Feixó, co rexeitamento da comunidade educativa, organismos consultivos, entidades sociais de todo tipo, moitas delas agrupadas en torno á plataforma Queremos Galego e protagonistas de amplas mobilizacións nestes seis anos, e mesmo sucesivas sentenzas que ratificaron a ilegalidade de aspectos centrais como a posibilidade de os pais decidiren a lingua nas aulas ou o alumando rexeitar o uso do galego.
Malia a Xunta non o ter avaliado como establece o propio decreto, os resultados están á vista: o maior descoñecemento e falta de uso do galego de toda a súa historia, e a práctica desaparición da lingua galega en etapas como a educación infantil, como demostrou o estudo da Mesa nas cidades ou o máis recente do IGE. “Resulta cando menos estraño que un goberno teime en aplicar unha norma que ten como resultado o contrario do que se pretende, a non ser que ese resultado, o retroceso e desaparición da lingua propia de Galiza, sexa o obxectivo real”, afirmou o presidente da Mesa, e engadíu que “non é normal que a única oposición á presenza do galego no ensino veña do propio goberno galego, que debería estar para defender e non atacar os intereses de Galiza”.
Maceira lembrou, ademais, que o pasado 15 de xullo todos os partidos asinaron a Declaración de unidade a a prol da normalización da lingua galega, impulsada pola Mesa e que sinalaba entre outros aspectos a necesidade de establecer o Plan Xeral de Normalización da Lingua Galega como punto de partida “para abrir unha nova etapa de normalidade”.
“En consonancia coa declaración o actual goberno galego debe pór en marcha accións para que esa declaración non fique en palabras baleiras”, sinalou Maceira, polo que “debe eliminar os atrancos que impeden retornar ao acordado e comezar por elaborar un novo decreto para o uso do galego no ensino baseado no Plan Xeral de Normalización da Lingua Galega, aprobado por unanimidade no parlamento galego e que contou cunha ampla participación social, e que debe ser un novo punto de inicio cara a plena normalidade do galego”.
Ningún comentario:
Publicar un comentario