Iníciase o curso en secundaria con moitos centros sen profesorado.
A CIG-Ensino denuncia que a Consellaría de
Educación continúa sen atender as demandas que están a facer diferentes
centros públicos que se atopan sen profesorado para iniciar con
normalidade o novo curso escolar. Este martes 15 de setembro iniciase o
curso en secundaria con falta de profesorado nos centros, masificación
de aulas e maior porcentaxe de docentes que van ter quer impartir unha
ou máis materias das que non son especialistas.
>A estas alturas son moitos os centros que seguen sen ver
atendidas as necesidades de profesorado
comunicadas á Consellaría de Educación. Os recortes constátanse tamén na adxudicación definitiva de destinos
provisionais de secundaria que ven de resolverse e na que atopamos adxudicacións
irregulares, perfís disparatados e adxudicacións de prazas non solicitadas. Educación
adxudicoulle destino nesta convocatoria a 3.973 profesores e profesoras, dos
que 1078 terán que impartir materias afins, o que representa un 27% do total (incrementándose a cifra nun 15% en
relación ao curso pasado). Así mesmo increméntase o profesorado desprazado nun
13%. Observamos tamén como hoxe o 26% dos cadros de persoal dos centros de secundaria
muda cada curso co que supón en detrimento da calidade do ensino e prexuízo
para os/as docentes.
Súmase a isto os conflitos derivados da aplicación da LOMCE sen ter desenvolto
a tempo a normativa necesaria para aplicala e que vai supor maior segregación
do alumnado, confesionalidade, españolización e privatización e menos galego
nas aulas. Ademais a CIG-Ensino denuncia as dificultades que se lle están
poñendo ao alumnado para poder cursar unha materia alternativa á Relixión en
Bacharelato. Na combinación de materias que o alumnado pode elixir como
materias específicas ou de libre configuración, dáse a circunstancia de que a
única materia dunha hora de duración é Relixión, o que se traduce en que haxa
alumnos e alumnas que, se non contan cunha materia alternativa ofertada polo
centro, se vexan obrigados a coller relixión para completar o seu itinerario
formativo.
Diante desta
situación, a CIG-Ensino participará -como membro da Plataforma Galega en
Defensa do Ensino Público- na concentración convocada o mércores 16 de setembro
ás 11:30 horas diante da Consellaría de Educación, en San Caetano co lema “Máis
profesorado, menos alumnado por aula, ensino público e de calidade!
Ningún comentario:
Publicar un comentario