Núñez Feijoo
alardea de incumprir as sentenzas do TSXG contra o Decreto de
plurilingüismo e mente publicamente sobre a situación da lingua no
ensino.
Ante as declaracións realizadas polo
Presidente da Xunta de Galicia nun programa de radio, a CIG-Ensino
manifesta que o Ensino galego non merece este presidente e esixe un
cambio de rumbo na política lingüística da Consellaría de Educación.
A CIG-Ensino considera que é inaceptábel e impropio dun
Presidente que, a través dos medios de comunicación, alardee de
incumprir as sentenzas que o Tribunal Superior de Xustiza de Galiza
(TSXG) ditou contra o Decreto 79/2010 de Plurilingüismo. O Presidente da
Xunta pretende convencer o pobo galego de que o Decreto 79 foi
ratificado polos tribunais e tanto repite esta mentira que acaba por
crela el mesmo e actuar así en desobediencia co que esas sentenzas
ditan. Non doutro xeito poden ser interpretadas as súas palabras na
entrevista que lle realiza Jiménez Losantos este 24 de setembro: “Fago
unha enquisa non vinculante por imperativo legal, pero fago unha enquisa
(nunha resposta anterior manifesta que fora un compromiso electoral) e
ao final decidimos que se nunha aula os pais queren que os seus fillos
comecen ler e escribir en castelán, comezan ler e escribir en castelán a
totalidade da aula.”. É dicir, o presidente da Xunta declara
publicamente que converte en vinculante o resultado dunha enquisa, algo
que o TSXG ditaminou ilegal, e se esta di que a maioría dos pais queren
un ensino en castelán para os seus fillos impón este resultado a aquelas
familias que se manifestaron en prol dun ensino en galego, incumprindo
de facto as sentenzas do TSXG e o propio texto do Decreto que establece o
seguinte para a Educación Infantil: Artigo 5: “1. … o profesorado …
deberá ter en conta a lingua do contorno e procurará que o alumnado
adquira, de forma oral e escrita, o coñecemento da outra lingua oficial
de Galicia dentro dos límites da etapa ou ciclo.3. Atenderase de xeito
individualizado o alumnado tendo en conta a súa lingua materna.”
Por
se isto non fose suficiente, aínda engade despois: “hai un 50% de horas
lectivas en galego e outro 50% de horas lectivas en castelán, isto é o
que fixemos e creo que está funcionando.” E a CIG-Ensino pregunta: en
que datos se fundamenta o presidente da Xunta? Non existen datos que
avalen esta afirmación que con carácter xeral realiza sobre o ensino
público. Hoxe por hoxe non se están a cumprir nin sequera os mínimos que
prevé o cativo Decreto 79, elaborado coa insá intención de reducir a
nosa lingua a un terzo, baixo a falacia do trilinguismo, no camiño da
desaparición da nosa lingua do ensino, que é o que perseguen.É impropio dun Presidente ser insubmiso a unha sentenza da Xustiza e aínda por riba alardear de facelo. Unha vez máis comprobamos como o esforzo deste goberno e do seu presidente vai dirixido a perseguir a nosa lingua.
A CIG-Ensino considera que non merecemos un presidente que deste xeito despreza o noso idioma e esiximos un cambio de rumbo radical na política lingüística da Consellaría de Educación, un cambio que debe comezar por derrogar o Decreto 79 que, aclarámoslle ao presidente da Xunta, recibiu varias sentenzas desfavorábeis do TSXG declarando ilegal o decreto en aspectos claves e tombando dous dos piares básicos nos que se asenta a política lingüística do PP e ningunha das sentenzas ou pronunciamentos de tribunais superiores mudaron esa realidade.
Sentimos vergonza ante un presidente que, en lugar de defender e promover a lingua propia do seu país, desprézaa e goberna contra dela. Se aínda ten algo de dignidade debería deixar de representar ás galegas e aos galegos.
Ningún comentario:
Publicar un comentario