Temos novos datos sobre
o espallamento e afianzamento da Rede na nosa terra. Trátase do
informe Diagnóstico
sobre a Sociedade da Información nos fogares galegos, feito
polo Observatorio da Sociedade da
Información de AMTEGA. Entre outras informacións, sinálase que
no período comprendido entre 2010 e 2014 medraron nun 51% os fogares
galegos en con Internet de banda larga contratada, unha cifra que
arestora sitúase no 70,3% do total de domicilios da nosa terra. O
incremento da devandita taxa no último ano foi do 7,7%. Estes
números, sinala AMTEGA, sitúan a Galicia a menos de tres puntos da
media estatal.
“Nos últimos catro
anos”, engádese, “a Comunidade recortou de xeito significativo a
fenda dixital coa media estatal e europea nos principais indicadores
de acceso e uso das TIC nos fogares galegos.” Amosado en números,
o 71,5% dos fogares galegos dispón de ordenador, porcentaxe que
aumentou un 16,1% no período 2010 – 2014. A diferenza entre a
media galega e a estatal pasou de 7,1 puntos no 2010 aos 3,3 da
actualidade.
Ademais,
un 69,3% da poboación galega utilizou Internet nos últimos tres
meses, experimentando un crecemento do 6,9% no último ano. O estudo
do OSIMGA confirma que a presenza de nenos no fogar, o maior tamaño
do hábitat, o nivel de estudos e de ingresos son factores
determinantes no uso das TIC. Así, a contratación de Internet en
fogares con nenos en idade escolar obrigatoria sitúase no 87,5%,
máis de 22 puntos porcentuais que nos fogares sen nenos. Respecto ao
hábitat, reflíctese no informe todos os núcleos de máis de 10.000
habitantes superan a media galega de contratación a Internet, “e
no caso dos núcleos de máis de 50.000 sitúanse por riba da media
estatal”. Por outra banda, engádese, “no último ano os núcleos
de menos de 5.000 experimentaron un incremento de 7 puntos
porcentuais, chegando ao 52,4% de fogares con internet contratado”.
A enquisa tamén achega
datos sobre as principais razóns que se argumentan en contra de non
contratar servizos de Internet: que “non se necesitan” (43,8%)
que “non queren” (41,9%) ou que “téñense poucos coñecementos
para usalo” (36,7%). En cuarto lugar estaría “o alto custo da
conexión” (34,5%).
Respecto
do comercio electrónico e do seu afianzamento, a investigación
informa que case a terceira parte da poboación da nosa terra
adquiriu algún ben ou servizo a través de Internet nos últimos
tres meses, 2 puntos por riba do conxunto do Estado, incrementándose
un 17,5% no último ano. Os fogares cun só membro son os que máis
realizan compras en liña, engádese, “cunha porcentaxe do 33,9%,
unha cifra que vai diminuíndo a medida que aumenta o número de
persoas no fogar, acadando un 19,6% nos fogares de 5 ou máis
membros”.
O
noso país tamén salienta na interacción coas Administracións
Públicas a través de Internet, “por riba da media estatal e
europea”, informa o observatorio OSIMGA, que engade que “o 64,7%
dos internautas galegos obtivo información das páxinas web
institucionais nos últimos doce meses, superando xa a media estatal
e europea en 4,7 e 13,7 puntos porcentuais, respectivamente”.
Ningún comentario:
Publicar un comentario