Publicáronse un total de 1.763 títulos no noso idioma en 2014, un 23% máis que no ano anterior mais unha cifra aínbda moi afastada da época de antes da crise: 2.544 títulos en 2010. As referencias de libro de texto son as máis numerosas, con 692 títulos.
Un de cada catro libros que se publican en Galiza éo en formato dixital. 465 lanzamentos dun total de 1.763 publicados ao longo de 2014, segundo os dados do informe estatístico elaborado polo Ministerio de Cultura a partir dos rexistros de ISBN. As publicacións en galego incrementáronse un 23% no ano pasado a respeito de 2013; mais aínda nos movemos nun volume afastado dos rexistros que se acadaban en, por exemplo, 2010 (2.544 libros, un 30 por cento máis que en 2014).Manuel Bragado aponta no seu blog a primeira campaña escolar da LOMCE e o desenvolvemento do libro dixital, “cifra que duplica a do ano anterior e tamén a de 2010”, como explicacións deste aumento de publicacións en galego no 2014 a respecto de 2013. Afirma, ademais, que “a hibridación do libro galego é un feito, xa que en 2014 ofreceu o 73,62 % dos seus títulos en formato impreso e xa o 26,37 % en diversos formatos dixital”.
Tipoloxías
Por tipoloxías de edición, o libro de texto, 692 referencias, representa o 39,25 %, e o libro infantil e xuvenil, 362, o 20,53 %, polo tanto un 60,00 % da edición. A literatura, 411 rexistros, representa o 23,31 % da edición en galego. Os títulos traducidos doutras linguas, 224, supoñen o 12,70 % da edición en galego. “Continúa sendo unha anomalía que o castelán sexa a lingua máis traducida, xa que supón o 45,98 % destes rexistros, sendo o inglés con 56 títulos, o 25,00 % a segunda”, aponta Bragado.
Con respecto á edición pública, representou apenas 101, que é o 5,72 % do total. “Non deixa de ser curioso que a edición autonómica, realizada polo Consello da Cultura Galega e a Xunta de Galicia acade os 15 títulos, apenas o 0,85 % de toda a edición en galego de 2014”.
Editores
Por último, no listado de editores de 2014 nos primeiros postos aparece Xerais con 301 rexistros (17,10 %), Obradoiro con 216 (12,30 %), Anaya con 151 (8,6%) e Galaxia con 141 (8,00 %).
Ningún comentario:
Publicar un comentario