mércores, 16 de setembro de 2015

As aulas volven á súa rutina

Máis de 2.600 alumnos de ESO, Bacharelato e ciclos formativos comezaron o novo curso académico nos centros das comarcas de Deza e Tabeirós.

O curso académico 2015/2016 empezou onte para os alumnos de ESO, Bacharelato e ciclos formativos das comarcas de Deza e Tabeirós. Son preto de 2.600 os matriculados en ESO e Bacharelato nas dúas comarcas, e o prazo de matrícula de formación profesional continuará aberto durante o mes de setembro. A xornada de inicio transcorreu con total normalidade, e nalgúns centros xa tiveron onte o horario lectivo ordinario, mentres que noutros só a presentación.
Despois de dous meses de descanso os alumnos de ESO, Bacharelato e Formación Profesional volveron onte ás aulas. A xornada transcorreu con total normalidade, sen ningún tipo de incidencias, aínda que os nervios estaban presentes á primeira hora antes de saber que profesores terían cada un durante este curso académico. A pesar de que os alumnos dos ciclos formativos tamén comezaron onte, a matrícula aínda está aberta, polo que non se traballa aínda con cifras concretas Con todo, son 2.592 os alumnos de ESO e Bacharelato matriculados nos centros educativos de Deza e Tabeirós-Terra de Montes.
Concretamente, e segundo os datos proporcionados pola Consellería de Educación, os matriculados en Deza en ESO son 1.089: en Lalín 675, en Rodeiro 65, en Silleda 252 e en Vila de Cruces 97. Pola súa banda, en Bacharelato hai 431 anotados: Lalín 269, Silleda 116 e Vila de Cruces 46. Mentres en Tabeirós-Terra de Montes hai en ESO un total de 789 matriculados: 692 na Estrada e 97 en Forcarei. En Bacharelato a cifra para este curso é de 283 alumnos, 249 na Estrada e 34 en Forcarei. Nalgúns centros como no lalinense IES Laxeiro e o Aller Ulloa onte foi só un día de presentacións, pero con todo, noutros como o estradense Antón Losada Diéguez os alumnos xa asistiron co horario normal e estiveron no centro durante toda a mañá. Os interesados en cursar algún dos ciclos das comarcas poden porse en contacto cos centros xa que a matrícula continuará aberta durante o mes de setembro. Este ano ofértanse cinco especialidades novas de FP: o IES cruceño Marco do Camballón impartirá o ciclo medio de Atención a Persoas en Situación de Dependencia; o Pintor Colmeiro de Silleda uno de comercio e o de formación básica e o Antón Losada Diéguez da Estrada o de Emerxencias e Salvamento.


Ningún comentario:

Publicar un comentario