A AMTEGA e a Rede Galega contra a Pobreza (EAPN) celebran o
1 de outubro a sexta xornada do Programa de Formación en Software Libre para o
Terceiro Sector que organizan conxuntamente. O Centro Demostrador TIC acollerá
o seminario OpenStreetMap: o uso da xeolocalización nas accións humanitarias e de
emerxencias que se desenvolverá de 17:00 a 20:30 horas, sendo preciso
inscribirse en liña por mor da limitación de prazas desta actividade de balde.
A xornada deste xoves céntrase na ferramenta OpenStreetMap, coñecida
popularmente como “a Wikipedia dos mapas”, un proxecto colaborativo que ten por
obxectivo a creación dunha base de datos xeográfica a nivel mundial, dispoñible
baixo unha licenza libre, o que permite dispoñer dunha cartografía de todo o
planeta que se actualiza constantemente. Esta característica fai desta
ferramenta un valioso recurso en labores de acción social, en proxectos de
cooperación ao desenvolvemento ou na xestión de crises humanitarias. No curso
explicarase a filosofía da iniciativa, como colaborar e as potentes ferramentas
que pon a disposición das organizacións do terceiro sector para facilitar o seu
labor.
Esta actividade formativa, enmarcada nas actividades do Programa de
Voluntariado Dixital da AMTEGA, está especialmente deseñada para responsables,
persoal e persoas voluntarias pertencentes a asociacións ou a entidades do
terceiro sector que teñan interese na implantación de ferramentas para a
mellora tecnolóxica. Impartirá o curso Rafael Ávila Coya, experto contribuidor
de OpenStreetMap e membro do HOT (Equipo Humanitario de OpenStreetMap).
Ningún comentario:
Publicar un comentario