Conversamos con María Xestal, a persoa que denunciou a discriminación lingüística sufrida após serlle negada a posibilidade de presentar unha reclamación na petroleira Cepsa por estar redixida en galego.
Que aconteceu con Cepsa?Coincidiume ir o sábado a Compostela e parei nunha estación de servizo. Xa estivera noutra en Abegondo e os baños estaban moi suxos aínda que a folla de rota puña que había 20 minutos que os limparan. Vin que, nunha das ocasións, era o propio dono da estación --a quen coñecía-- o que asinaba a folla. Queixeime alí mesmo mais non me fixo caso polo que decidín entrar na páxina web da petroleira e pór unha reclamación. Fíxeno en galego porque falo e escribo habitualmente na miña lingua. Pedíronme, en castelán, que enviase por privado o meu número de teléfono. Despois xa me dixeron que só atendían reclamacións en castelán.
Non temos por que aturar isto. Terán que molestarse en entender porque haberá quen non saiba traducir ao castelán. Pedirían a un inglés ou un francés que redixisen en castelán a súa reclamación? Quédame a dúbida diso. Estou cansa de ter que reclamar a miña lingua. Xa que se molestan en levar os meus cartos que o fagan tamén coa miña lingua.
Por que decidiches facer pública a conversa?
Porque me respostaron en privado. Non hai nada mellor que facer públicas as bulras e deixar en evidencia a quen as fai. O que máis me molestou foi a cara co sorriso. Coido que van atender a miña reclamación só para me sacar de diante. Sei que non todo o mundo ten a mesma forza para non se deixar pisar. Lembro o que lle aconteceu a un amigo poeta. Foi ao Sergas e por máis que insistiu non o atenderon en galego. Se non exiximos os nosos dereitos non poderemos pedir nada máis.
"Grazas a unha queixa perante a empresa que xestiona a tarxeta Red Visa, hai unha persoa que está a traballar para atender en galego"A SXPL descartou actuar no caso de Casas Novas. Que papel está a xogar a Xunta a respeito dos dereitos lingüísticos?
De destrución masiva do galego. Non está a facer nada para que se respecten os nosos dereitos lingüísticos. Se o propio presidente non mira pola lingua... Pasan por riba cunha prepotencia incríbel. Eu paro e digo 'non'. Grazas a unha queixa que interpuxen, como fixeron máis persoas, perante a empresa que xestiona a tarxeta Red Visa, hai unha persoa que está a traballar para atender en galego as cuestións vencelladas ao seu uso. Esa persoa agradeceu a quen exixiu ese servizo. Hai moitas persoas que non se molestan nen en galeguizar o seu apelido no Documento de Identidade embora o teren en galego nas redes sociais, por exemplo. Iso paréceme moi deprimente.
A Mesa iniciou trámites para denunciar o acontecido...
Falaron comigo e díxenlles, adiante! Veremos a ver que acontece.
Ningún comentario:
Publicar un comentario