A Vicerreitoría do Campus de Pontevedra anunciou
esta semana o desenvolvemento, entre os días 15 e 17, dun seminario
sobre o uso pedagóxico da Rede. A actividade, que se basea na
premisa de adaptar o ensino ás necesidades e demandas do coñecemento
actual e dos propios alumnos (para as novas xeracións, Internet
semella ser unha especie de medio natural de comunicación, lecer e
até de estudo), vén
da man da investigadora Jose Piñeiro. Trátase dun curso de
balde que ten aberto, xa, o seu prazo de inscrición.
Segundo conta Piñeiro, cumpren accións formativas que nos axuden a
extraer as mellores habilidades da interacción alumnado-Rede.
Tal e como comprobou e amosou a investigadora na súa
tese de doutoramento pola UVigo, os cativos “teñen maiores
destrezas á hora de atopar contidos de ocio que educativos”. Nese
senso, achegar a estudantes ou docentes a ferramentas que permitan un
mellor aproveitamento dos recursos pedagóxicos existentes na Rede é
o obxectivo do seminario Internet
Educativo, que promove a Área de Extensión Cultural da
Vicerreitoría do Campus e que, como dixemos, desenvolverase entre o
15 e o 17 deste mes na Casa das Campás.
Segundo fai saber a profesora da actividade
formativa, “Internet é como a biblioteca de Alexandría, pero ao
grande, polo que usalo é case unha necesidade, é bo que a sociedade
teña acceso ao coñecemento, e iso esixe adquirir destrezas para
saber desenvolverse, que poden comezar a adquirirse desde pequeno”.
O seminario centrarase en primeiro termo en
proporcionar aos asistentes “unhas directrices do que está a
acontecer, dos factores que inflúen nas diferencias entre o uso
educativo de Internet e o uso lúdico”, para, a partires de aí,
achegarlles unha serie de ferramentas e recursos que lles permitan
orientar aos nenos cara as diferentes plataformas con contidos
educativos existentes na Rede, por exemplo, “amosándolles como
dirixir as súas buscas cara repositorios concretos”.
Respecto da tese de doutoramento da investigadora
Piñeiro, en boa medida orixe do curso, baséase en parte en desvelar
con múltiples datos a seguinte realidade: a incorporación das TIC
ao ensino levouse a cabo sen que o investimento orzamentario
despregado viñese acompañado dun esforzo didáctico que fornecese
aos mestres de coñecementos precisos para un axeitado aproveitamento
pedagóxico da Rede. A súa investigación (Usos infantís de
internet. Perspectivas e prospectivas) foi presentada en 2013 e
realizada baixo a dirección dos profesores Daniel Martí e Ángeles
Parrilla. A través dela e dos exemplos concretos avaliados, Piñeiro
foi quen de ver que en relación coa Sociedade da Información as
nenas e nenos teñen sobre todo unha aprendizaxe que se atopa fóra
do educativo. Así, a análise realizada permitiu ver que “lles era
moito máis difícil atopar un contido didáctico que unha páxina de
xogos”.
Ningún comentario:
Publicar un comentario