luns, 21 de setembro de 2015

Unha concentración fronte á Consellería denuncia o inicio do curso escolar co ensino público baixo mínimos

PLATAFORMA GALEGA EN DEFENSA DO ENSINO PÚBLICO
 
o portavoz da plataforma e secretario nacional da CIG-Ensino, Anxo Louzao puxo como exemplo da situación que falta profesorado en máis de 300 centros de ensino.

Este inicio de curso está marcado pola falta de profesorado e de medios, masificación das aulas ou as consecuencias dos recortes, denuncian desde a Plataforma galega en defensa do ensino público nunha concentración fronte á Consellería de Educación que decorreu nesta cuarta feira. O portavoz da plataforma e secretario nacional da CIG-Ensino, Anxo Louzao, criticou que os propios currículos que agora se impoñen mediante a LOMCE foron rexeitados, no seu día, polo Consello Escolar de Galiza por estaren “afastados da nosa realidade nacional, por ser memorísticos e por estar impregnados de ideoloxía neoliberal”.
Outra das denuncias feitas foi que hai máis de 300 centros que non teñen profesorado abondo. Fernando  Lacaci, presidente da federación de ANPAS de Santiago, asegurou que é consecuencia da diminución constante de profesorado padecida nos últimos anos. “Os colexios cada vez dispoñen de menos medios e persoal para atender as necesidades novas do alumnado, e chegamos ao punto de que hai estritamente un profesor por cada 25 nenos ou máis. Unha situación gravísima que hai uns anos ninguén imaxinaba, porque o profesorado non ten capacidade de manobra para facer fronte a esas necesidades”.
Nese sentido, Louzao denunciou que superando as ratios a Consellaría incumpre a súa propia normativa, que estabelece un máximo de 25 alumnos por aula. Ademais, sinalaron, un 26% dos cadros de persoal do centros de secundaria é profesorado que cambia cada ano, “co que iso supón de prexuízo para a calidade do ensino” e un 27% do profesorado ao que se lle adxudicou destino (un total de 3.973) en secundaria “ten que impartir materias das que non é especialista. “Incrementouse o profesorado itinerante que imparte en máis dun centro e mais o desprazado”.
Unha problemática que Louzao atribuíu ao recorte de máis de 3.000 docentes que fixo a Consellaría durante estes anos. O representante da Plataforma Galega en Defensa do Ensino Público chamou a atención sobre a política educativa “mercantilista do PP”, que se traduciu en que agora hai 13 centros e 48 unidades menos, mentres que no ensino privado medrou en 26 unidades novas, mesmo en centros que segregan por razón de xénero.

Ningún comentario:

Publicar un comentario