A Oficina
de Software Libre do CIXUG vén de dar a coñecer que a tradución
ao galego de Moodle
superou finalmente a taxa do 85%. Como lembraremos, Moodle é unha
aplicación web educativa e virtual, de distribución libre, que se
dirixe a botar unha man ao profesorado na creación de comunidades de
aprendizaxe en liña, entre outras funcionalidades importantes. A
localización á nosa lingua da ferramenta que está a impulsar a
devandita Oficina saldouse no mes de agosto co envío dun total de
14.753 cadeas (máis de 21.000 termos) á versión estábel de Moodle
(versión 2.9.1). A traxa de tradución, en base a isto, pasou de ser
do 77% a situarse nun 86%.
Segundo reflicte Mancomún, con
este fito o galego pasa a integrar a listaxe das trinta linguas nas
que a aplicación está traducida en máis dun 80%.
Ao fío destas novidades, a Oficina lembrou que
malia que os traballos foron remitidos á última versión de Moodle,
a versión 2.9, a ferramenta de tradución fai unha propagación das
cadeas cara as versións anteriores, polo que as instalacións da
ferramenta non actualizadas tamén poderán tirar proveito deste
traballo e obter unha actualización do paquete de idioma.
Recordar tamén que Moodle está a ser empregado
polas tres universidades galegas para xestionar as súas aulas
virtuais: o Campus
virtual da Universidade de Santiago de Compostela, o Campus
virtual da Universidade da Coruña e o Servizo
de Teledocencia da Universidade de Vigo.
Ningún comentario:
Publicar un comentario