martes, 29 de setembro de 2015

A CIG-Ensino manifesta que non merecemos un presidente que despreza a nosa lingua e esixe un cambio de rumbo na política lingüística de Educación

Núñez Feijoo alardea de incumprir as sentenzas do TSXG contra o Decreto de plurilingüismo e mente publicamente sobre a situación da lingua no ensino.
 
Ante as declaracións realizadas polo Presidente da Xunta de Galicia nun programa de radio, a CIG-Ensino manifesta que o Ensino galego non merece este presidente e esixe un cambio de rumbo na política lingüística da Consellaría de Educación.
A CIG-Ensino considera que é inaceptábel e impropio dun Presidente que, a través dos medios de comunicación, alardee de incumprir as sentenzas que o Tribunal Superior de Xustiza de Galiza (TSXG) ditou contra o Decreto 79/2010 de Plurilingüismo. O Presidente da Xunta pretende convencer o pobo galego de que o Decreto 79 foi ratificado polos tribunais e tanto repite esta mentira que acaba por crela el mesmo e actuar así en desobediencia co que esas sentenzas ditan. Non doutro xeito poden ser interpretadas as súas palabras na entrevista que lle realiza Jiménez Losantos este 24 de setembro: “Fago unha enquisa non vinculante por imperativo legal, pero fago unha enquisa (nunha resposta anterior manifesta que fora un compromiso electoral) e ao final decidimos que se nunha aula os pais queren que os seus fillos comecen ler e escribir en castelán, comezan ler e escribir en castelán a totalidade da aula.”. É dicir, o presidente da Xunta declara publicamente que converte en vinculante o resultado dunha enquisa, algo que o TSXG ditaminou ilegal, e se esta di que a maioría dos pais queren un ensino en castelán para os seus fillos impón este resultado a aquelas familias que se manifestaron en prol dun ensino en galego, incumprindo de facto as sentenzas do TSXG e o propio texto do Decreto que establece o seguinte para a Educación Infantil: Artigo 5: “1. … o profesorado … deberá ter en conta a lingua do contorno e procurará que o alumnado adquira, de forma oral e escrita, o coñecemento da outra lingua oficial de Galicia dentro dos límites da etapa ou ciclo.3. Atenderase de xeito individualizado o alumnado tendo en conta a súa lingua materna.”
Por se isto non fose suficiente, aínda engade despois: “hai un 50% de horas lectivas en galego e outro 50% de horas lectivas en castelán, isto é o que fixemos e creo que está funcionando.” E a CIG-Ensino pregunta: en que datos se fundamenta o presidente da Xunta? Non existen datos que avalen esta afirmación que con carácter xeral realiza sobre o ensino público. Hoxe por hoxe non se están a cumprir nin sequera os mínimos que prevé o cativo Decreto 79, elaborado coa insá intención de reducir a nosa lingua a un terzo, baixo a falacia do trilinguismo, no camiño da desaparición da nosa lingua do ensino, que é o que perseguen.
É impropio dun Presidente ser insubmiso a unha sentenza da Xustiza e aínda por riba alardear de facelo. Unha vez máis comprobamos como o esforzo deste goberno e do seu presidente vai dirixido a perseguir a nosa lingua.
A CIG-Ensino considera que non merecemos un presidente que deste xeito despreza o noso idioma e esiximos un cambio de rumbo radical na política lingüística da Consellaría de Educación, un cambio que debe comezar por derrogar o Decreto 79 que, aclarámoslle ao presidente da Xunta, recibiu varias sentenzas desfavorábeis do TSXG declarando ilegal o decreto en aspectos claves e tombando dous dos piares básicos nos que se asenta a política lingüística do PP e ningunha das sentenzas ou pronunciamentos de tribunais superiores mudaron esa realidade.
Sentimos vergonza ante un presidente que, en lugar de defender e promover a lingua propia do seu país, desprézaa e goberna contra dela. Se aínda ten algo de dignidade debería deixar de representar ás galegas e aos galegos.

Ningún comentario:

Publicar un comentario