O retorno ao Rosalía, explica o Concello, era "o desexado pola fundación" e o goberno municipal, indica o edil de Culturas, José Manuel Sande, apoia a homenaxe á "emblemática figura de Manuel María, poeta, procurador, intelectual e home comprometido". A promoción das Lúas de outono, di Sande, enmárcase na aposta do consistorio pola "necesaria recuperación das figuras do noso pasado e non tan pasado", máis aínda ao cadrar coa designación do poeta como "eixo central do Día das Letras".
Saleta Goi: "Poderemos retomar unha relación de normalidade co Concello"A presidenta da Fundación e viúva do poeta, Saleta Goi, coida que abrir "as portas do Rosalía para este acto" é unha mostra de que "poderemos retomar unha relación de normalidade co Concello" da Coruña, cidade na que o poeta viviu no derradeiro treito da súa vida. A relación, salienta, "rompeu cando chegou o Goberno municipal que acaba de saír".
Nesta ocasión a banda sonora do espectáculo vai a cargo de Pepe Vaamonde GrupoNesta liña, destaca o secretario da Fundación Manuel María, Alberte Ansede, "as tres primeiras celebracións deste espectáculo tiveron lugar no Rosalía, pero posteriormente o PP non nos deu acceso ao teatro". Se ben é certo que "a Deputación nos cedeu o teatro Colón", a Fundación quixo "volver ao anterior escenario" por "unha cuestión simbólica".
No ano do regreso as Lúas de outono servirán para presentar o último disco de Pepe Vaamonde Grupo, Nas pedras do lar. A palabra poética achegarana Marta Dacosta, Miguel Anxo Fernán Vello e Xulio Valcárcel.
Ningún comentario:
Publicar un comentario