xoves, 24 de setembro de 2015

Denuncian Cepsa por impedir formular unha queixa en galego

POLA INSALUBRIDADE DOS BAÑOS
 

“Lo sentimos María pero damos apoyo en castellano”. Así lle contestou a empresa petroleira Cepsa a unha usuaria dunha gasolineira tras querer formular unha reclamación en galego. A Mesa pola Normalización Lingüística xa iniciou os resortes para denunciar este novo caso de discriminación.
A Mesa pola Normalización Lingüística vén de ter coñecemento dun novo caso de discriminación por razón de lingua no país. Nesta ocasión, a empresa que lle impediu a unha clienta expresarse en galego foi a compañía petroleira española Cepsa, que conta cunha ampla rede de gasolineiras en Galiza.
Tal e como informa a asociación lingüística, a usuaria dunha das gasolineiras de Cepsa púxose en contacto coa empresa vía rede social co fin de emitir unha queixa en relación ao estado de insalubridade en que se atoparían os baños da estación de servizo. A petroleira instouna a dirixirse a eles en castelán, e non en galego, pois só tramitan reclamacións en español: “Lo sentimos María pero damos apoyo en castellano y para que podamos abrir un expediente de tu reclamación necesitamos que la misma esté en castellano. Quedamos a tu disposición para lo que necesites”.
MesaMarcos Maceiras advirte de que non só se trata dunha cuestión de lingua e salienta o impacto no emprego da deslocalización de servizos como o de atención telefónica
O presidente da Mesa, Marcos Maceiras, anima as persoas que sofren discriminación lingüística a denunciar os seus casos diante da entidade para “corrixir estas situacións, que son ilegais e inmorais”. Advirte Maceiras de que non só se trata dunha cuestión lingüística, senón tamén de emprego. “Cada vez danse máis casos de deslocalización de servizos de atención telefónica, precisamente porque o galego non é un requirimento e tanto lle ten a empresa ofrecer a atención telefónica desde Galiza que desde fóra de Galiza”, sinala. Tamén alerta de que existen empresas que lles impiden aos traballadores e traballadoras falar galego, mesmo no caso de que a persoa usuaria se dirixa na nosa lingua aos traballadores e traballadoras.
Marcos Maceiras anuncia que a través da Liña do galego a Mesa se dirixirá aos organismos públicos competentes e á empresa Cepsa para que cumpra coa lexislación lingüística e permita a comunicación en galego.

Ningún comentario:

Publicar un comentario