O CPI Afonso VII de Caldas de Reis aproveitou o 904 aniversario da coroación deste soberano para convocar o I Premio Literario Afonso VII Rei de Galiza para escolares de Primaria e da ESO.
Un día coma onte, 17 de setembro, de 1111 coroábase na catedral de Santiago de Compostela o novo soberano de Galiza, Afonso VII, con tan só sete anos de idade. Para recordar este acontecemento, o Departamento de Lingua e Literatura Galega e o Equipo de Normalización Lingüística do CPI Afonso VII de Caldas de Reis convoca este galardón ao que poden presentarse alumnos e alumnas de primaria e da ESO de calquera lugar do mundo.O tema do premio é recrear literariamente, de forma libre e imaxinativa, o día da coroación do pequeno Afonso VII en Compostela. Segundo as bases, os traballos deben estar en lingua galega e han de ser orixinais e inéditos. Poden presentarse en prosa, verso ou en formato teatral. O prazo máximo de recepción dos traballos é o 11 de xaneiro de 2016 e os premios daranse a coñecer o 1 de marzo, con motivo do aniversario do nacemento en Caldas de Reis de Afonso VII.
Ningún comentario:
Publicar un comentario