martes, 8 de setembro de 2015

“Os Bolechas na máquina do tempo” retomaron a súa xira dentro do programa “FalaRedes 2015”

Braulio, Carlos, Loli, Pili, Sonia e Tatá –canda o seu inseparable canciño Chispa– integran esta coñecida familia e son un referente positivo galegofalante para a xente miúda da casa. Os entrañables irmáns retoman o seu espectáculo de dinamización lingüística, que levarán esta proposta a 28 novos concellos galegos ata finais de outubro ata completar a xira polos 40 concellos programados, todos eles pertencentes á RDL.
Aventura no tempo
Os irmáns e o seu inseparable Chispa atoparán un aparello que os teletransportará ata o futuro converténdoos en adultos: a máquina do tempo. O doutor Apolodoro –o científico turuleque dono da máquina– levaraos a coñecer diferentes etapas da historia nunha viaxe temporal onde os Bolechas terán que valerse da inestimable axuda do público para regresaren ao presente e á infancia.
"Os Bolechas na máquina do tempo" é un espectáculo de monicreques manipulados por actores á vista no que se simulará unha aventura a través do tempo. Braulio mandará a Carlos e a Pili ao futuro na máquina do doutor Apolodoro, que se estraga e acabará por teletransportar os dous irmáns á Prehistoria... O enxeño e a habilidade do público serán claves para axudarlles aos Bolechas a regresar ao presente.
A actividade ten continuidade na aplicación web "Os Bolechas na máquina do tempo", onde os cativos e cativas poden facer o seu propio diploma de viaxeiro no tempo e acceder a xogos e sorteos. Co aliciente de que os asistentes ao espectáculo coñecen en exclusiva unha palabra clave coa que poderán dobrar o premio do sorteo e acceder a dous lotes de libros dos Bolechas, no canto dun, en caso de resultaren premiados.
Máis información no web da SXPL.

Ningún comentario:

Publicar un comentario