Santiago de Compostela, 28 de setembro de 2015-.
O presidente da Mesa pola Normalización Lingüística, Marcos Maceira, e o
Alcalde de Santiago de Compostela, Martiño Noriega, mantiveron hoxe un
encontro onde se retomou, despois de catro anos, a relación entre o
concello compostelán e a entidade en defensa da lingua no que, segundo
sinalou o alcalde “foi unha primeira toma de contacto para comezar a
normalizar o que xa de por si debería estar normalizado, como é unha
relación fluída entre a capital do país e unha institución como a Mesa
que leva anos batallando pola normalización do idioma”.
Este encontro prodúcese dentro da rolda de
contactos que A Mesa está a establecer cos diferentes concellos para
impulsar accións concretas a favor do galego, e “conseguir que as
institucións municipais ocupen o espazo a favor do idioma que a actual
Xunta está deixando baleiro”, segundo sinalou Marcos Maceira.
Neste sentido, Maceira e Noriega falaron a
respecto da necesidade de que a capital de Galiza voltase á
referencialidade perdida na normalización da lingua galega e a recuperar
a iniciativa retomando actitudes favorábeis á lingua no conxunto da
acción municipal, nomeadamente coa reactivación do Plan Municipal de Normalización Lingüística con cuxo desenvolvemento se comprometeu o alcalde xunto coa proposta de Compromiso de aplicación do Plan xeral de normalización da lingua galega nos Concellos e Deputacións impulsada pola Mesa.
O presidente da Mesa resaltou a vontade
manifestada polorexedor compostelán de que a capital de Galiza fará
honra á súa condición situándose tamén á cabeza da defensa, promoción e
impulso do idioma.
Martiño Noriega reiterou a súa disposición a colaborar coa Mesa pola
Normalización Lingüística e atender as súas propostas, así como “a ser
facilitadores do que debe ser algo normalizado como a defensa do noso
idioma”. Do mesmo xeito, recoñeceu o labor de fiscalización que a Mesa
pode realizar respecto a eses compromisos.
Ningún comentario:
Publicar un comentario