Entre as actividades programadas realizaremos unha MESA DE TRABALLO ARREDOR DO ESTADO DA LITERATURA DRAMÁTICA GALEGA, coordinada por min, e a que invitamos a todas as persoas relacionadas con este ámbito (escritoras/es, directoras/es de escena, actrices e actores, docentes, xornalistas…).
A AELG ofrecerá café nas pausas e farase cargo da comida das persoas asistentes, por iso pido que nos comuniquedes antes do 18 de setembro, a efectos organizativos, a vosa disposición para acudir a esta MESA DE TRABALLO. Correo electrónico: oficina@aelg.org
Trátase de analizar a situación na que se atopa a nosa Literatura Dramática e trazar un proxecto de acción que resolva algunhas das eivas e cuestións:
- A case inexistente publicación.
- A ausencia de estudos e de crítica.
- A pouca presenza no sistema académico.
- A falta de proxección social.
- As dificultades para a súa escenificación.
- A carencia de proxectos de tradución e internacionalización.
Cómpre considerar que a cultura occidental non pode entenderse sen o papel fundamental que xogou no seu desenvolvemento a dramaturxia de Esquilo, Sófocles, Eurípides, Aristófanes ou Menandro. A literatura inglesa non pode entenderse sen reparar na obra de Marlowe ou de Shakespeare, a literatura española sen o teatro de Calderón de la Barca, Lope de Vega ou Tirso de Molina, por citar só algúns dos exemplos máis coñecidos.
Do mesmo xeito, na actualidade, nas letras alemás, inglesas, francesas ou catalás, un dos ámbitos de maior potencia e proxección é o da dramaturxia textual. Porén, en Galiza, semella que non acabamos de despegar do tópico aquel que considera a nosa lingua, feiticeira e doce, apta, sobre todo, para a lírica.
A Literatura Dramática Galega está marxinada en todos os eidos, tanto a nivel das institucións culturais do país (incluídas as teatrais) como a nivel social. As editoriais, a crítica, o sistema educativo e universitario, as compañías teatrais… non se interesan, nin fomentan, a nosa Literatura Dramática.
Vai sendo hora de analizar esta situación e de trazar un plan de acción para mudala. A isto queremos dedicar a MESA DE TRABALLO ARREDOR DO ESTADO DA LITERATURA DRAMÁTICA GALEGA no VI Congreso de Escritoras/es da AELG, o sábado 26 de setembro de 2015 na cidade de Pontevedra. Espero a túa colaboración.
Afonso Becerra de Becerreá.
Ningún comentario:
Publicar un comentario