mércores, 30 de setembro de 2015

E isto da Educación Social… Que é?

Así, con esta cuestión en voz alta, comezaba un profesor a primeira das súas clases no Grao de Educación Social, hai dous anos, nunha Facultade de Ciencias da Educación de Galicia. E desgraciadamente non era retranca, senón que lle preguntaba ao propio alumnado de que ía a carreira na que esta persoa impartiría docencia.
Temos por diante visibilizar unha profesión "de carácter pedagóxico, xeradora de contextos educativos e accións mediadoras e formativas" que pretende abastecer dun dos dereitos máis valiosos á cidadanía, ese dereito a construír conciencia crítica
Pois ben, una vez superada a carraxe pola evidente falta de respecto, este comentario vén a ser un dos nosos principais desafíos porque si, a nosa profesión é un camiño de retos, que habitualmente as/os que vivimos a Educación Social como un xeito de entender a nosa existencia, empeñámonos en transformar en oportunidades.
Temos por diante, visibilizar unha profesión "de carácter pedagóxico, xeradora de contextos educativos e accións mediadoras e formativas" que pretende abastecer dun dos dereitos máis valiosos á cidadanía, ese dereito a construír conciencia crítica. Os nosos documentos profesionalizadores así o formulan: “mellorar as condicións sociais e culturais da cidadanía, lograr maiores niveis de benestar e calidade de vida, compensar os efectos xerados polas situacións de exclusión e/ou marxinación social, nunha tendencia clara cara á extinción destas en clave de xustiza social”.
Somos moitas e moitos, e cada día que pasa con máis espazo e actividade na nosa sociedade. Onde atoparnos? Somos xente de rúa, aínda que posiblemente nos relacionedes con “centros de menores”, entidades de persoas con diversidade funcional, Casas da Xuventude, centros penitenciarios, Centros de acollemento, pisos tutelados... En resumidas contas: “un axente de cambio social e dinamizador de grupos sociais a través de estratexias educativas que axudan a comprender o seu entorno social, político, económico e cultural e a integrarse axeitadamente” (Libro Blanco da ANECA (2005).
Facemos proxectos espectaculares e sen apenas recursos: Programas educativos no deporte, materiais didácticos e lúdicos, participación en mesas sectoriais, xornadas e encontros xeracionais, radios sociais
Vaia!! Calquera que nos busque seguro que pensa que soamente traballamos con persoas en risco de exclusión. Para nada!. Facemos proxectos espectaculares e sen apenas recursos: Programas educativos no deporte, materiais didácticos e lúdicos, participación en mesas sectoriais, xornadas e encontros xeracionais, radios sociais,… Se cadra botámonos de menos en Institutos e nos servizos sociais dos Concellos galegos. Incluso, ata nos gustaría desenvolver proxectos coa Policía local ou nos Centros de Saúde, mais aínda pensan que non somos precisos/as.  Ollo! Que nin moito menos somos salvadores nin mesías. Nin pretendemos selo. Simplemente compañeiras/os de viaxe, unha viaxe no que ás veces nos familiarizamos vendo a cara escura da sociedade, e pode que nos leve a perder a perspectiva do que pretendemos. Tranquilidade. Nese momento é fundamental regresar á ilusión que nos levou a estudar e traballar na Educación Social. Ilusión, intensidade e motivación, que son as características que eu teño a sorte de compartir con moitas/os colegas de profesión.
Por diante, un tremendo esforzo. Afrontamos por un lado, que nas nosas Facultades, a inmensa maioría das persoas que nos forman, non son tituladas/os en Educación Social (pese a que este ano cumprimos en Galicia os 20 anos do inicio da Diplomatura nas Universidades de Santiago e de Vigo). Imaxinan a unha persoa titulada en CAFD, impartindo na Facultade de Enxeñería de Tecnoloxía de Telecomunicación? Pois algo similar acontece na nosa profesión, pero escusando este feito con que somos unha "carreira nova".
Tamén temos que loitar día a día con que nos compare con realities e programas de televisión tipo Hermano Mayor
Tamén temos que loitar día a día con que nos compare con realities e programas de televisión tipo Hermano Mayor, saíndo incluso derrotadas/os, xa que non temos esa capacidade de empatía coa cámara e, por desgraza, a nosa formación respecto á intervención nese eido realízase dende o respecto á persoa e á unha acción socioeducativa estruturada, partindo por suposto dende a súa intimidade e con varios obxectivos individuais e colectivos, respectando os seus ritmos e dignidade persoal por riba de audiencias e ratings interesadas.
Sabemos que estamos sementando e que, posiblemente, non vexamos os froitos, pero asumimos que nos gusta sementar para cambiar
Polo tanto, os retos axúdannos a crecer. Por diante queda ser visibles como unha profesión de futuro xa no presente. Que é a Educación Social unha profesión nova? Perfecto!! Como mozas/os imos aproveitar para mostrarvos o noso espírito rebelde, as nosas gañas de facer, a enerxía renovable e a nosa motivación para trocar esta sociedade, cada vez máis colapsada por discursos e pantomimas que nos fan pensar que non é posible vivir como cidadanía en igualdade de condicións.
Nós somos Mafalda, nós somos Pepe Mújica, nós somos Forges… Sabemos que estamos sementando e que, posiblemente, non vexamos os froitos, pero asumimos que nos gusta sementar para cambiar. Animámosvos para que nos acompañedes neste proceso.
Sementa Educación Social!

*O 2 de outubro é o Día Mundial da Educación Social

Millán Brea Castro

 

Ningún comentario:

Publicar un comentario