mércores, 9 de setembro de 2015

Educación cifra en 4.125 os nenos que empezan mañá as clases

Os centros están recibindo estes días aínda novas altas de última hora.

A Consellería de Educación cifra en 4.125 os alumnos de Infantil e Primaria que mañá xoves iniciarán o curso nos centros públicos e concertados das comarcas de Deza e Tabeirós-Terra de Montes. Son un total de 3.528 nos centros públicos: 1.141 de educación Infantil e 2.387 de Primaria, aos que se engaden 597 en centros concertados, 192 de infantil e 405 de Primaria. Uns datos que, nalgúns casos varían lixeiramente cos ofrecidos polos centros onte, xa que estes días os colexios están aínda recibindo as últimas matrículas de última hora, ou incluso algunha baixa por traslado.
Segundo Educación, Lalín suma 1.364 estudantes , 439 de Infantil e 925 de Primaria; Silleda 639, 213 de Infantil e 426 de Primaria. A estes engádense 270 que achega Vila de Cruces, 76 de Infantil e 94 de Primaria, 30 de Dozón (aínda que Educación establecía o número aínda en 29), 20 deles de Primaria. En Rodeiro son 126, 28 de Infantil e 88 de Primaria (aos que se engaden neste centro, os estudantes matriculados do primeiro ciclo da ESO).
A Estrada conta segundo Educación, 16416, 469 deles de Infantil e 947 de Primaria. A estes súmanse 147 en Forcarei, 51 de Infantil e 96 de Primaria e 49 en Cerdedo, 16 en Infantil e 66 en Primaria.
Son algúns máis que o ano anterior, que Educación cifraba ao comezo do curso escolar en 4.102 nas dúas comarcas. Eran 1.314 de Infantil, 2.788 de Primaria e 605 nos centros concertados.
Nalgúns centros do rural, crece este ano o número de alumnos. É o caso do colexio de Cercio, en Lalín, que contará con 69, once deles de tres anos, o que supón doce máis en total que o curso anterior.
Tamén o Manuel Rivero de Lalín suma máis alumnos 217 fronte aos 208 do pasado. En tres anos teñen 25, a clase ao completo. No Xesús Golmar seguen sumando estudantes e onte ían por 630. En Prado son 109, quince de tres anos e en Vilatuxe, dous máis que no curso anterior. Oito deles de tres anos. O Sacro Corazón conta con 403 en total, sumando os da ESO. Son setenta de Infantil e 178 de Primaria.

Obras pendentes en varios centros e noventa nenos en lista de espera do comedor do Golmar

Os comedores están xa tamén listos para empezar. Todos os colexios teñen prazas para atender a demanda, excepto, un ano máis o colexio Xesús Golmar que onde onte a lista de espera de prazas para o comedor andaba xa nas noventa, todos do centro urbano. Un centro onde as 329 prazas de comedor quedan moi escasas para os 630 alumnos.
No Foxo seguirán tendo comedor luns e mércores e en Oca empezará en outubro xestionado pola asociación de pais e con cátering de Grandín. No colexio de Silleda andan xa bastante xustos coas prazas de comedor pero de momento aténdese toda a demanda existente. Nos centros de Lalín o Concello levou a cabo xa as obras previstas, ás que se sumaron as dos patios do Golmar, realizadas en estío. Na maioría dos centros da zona realizáronse obras de pintado e mantemento. No de Silleda, o Concello realizou un pequeno patio cuberto entre o ximnasio e o edificio de Primaria e pintouse a parte de arriba do comedor.
O colexio de Cerdedo está pendente da Xunta para que arranxe o tellado para acabar cos problemas de humidades e unha vez que se fagan, o Concello comprometeuse a pintar. No de Forcarei teñen solicitado e pendente o cambio dunhas portas e a colocación duns andeis e en colexio de Figueroa, o Concello da estrada realizou a adaptación de dous baños de Infantil e acabou coas obras de reposición do tellado. No de Oca, o Concello acondicionou unha zona de axardinada e renovouse o comedor. O centro ten solicitado o cambio dunhas tubaxes, que están pendentes e pediu un cambio de fiestras. En Vexa realizouse no verán unha pasarela entre os dous edificios que se estrea co curso e evitará que se mollen os estudantes. No colexio de Lourdes estrean patio e reformaron o edificio da Iso, mentres que o María Inmaculada ,mellorou a sala de profesores, estrea conserjería nova e cambiou algún mobiliario, engadindo material informático, mentres que o Pérez Viondi solicitou pintar as paredes do patio que están cheas de pintadas. En Dozón levou a cabo unha pista deportiva no patio e en Piloño houbo arranxos no xardín con material do concello e obras de pintura..

Clases con libros dixitais e algúns recortes de profesorado

Os centros traballan cada ano en mellorar os programas e a oferta sumando a súa participación en distintos plans da Xunta desde os que promoven a tecnoloxía dixital, o plan Abalar, o Proxecta ou as seccións bilingües. No colexio de Lourdes anuncian unha renovación metodológica que se pon en marcha este curso. No Pérez Viondi, este curso, os de quinto de Primaria non terán que comprar libros de texto, excepto o de actividades de inglés porque o formato dos libros será dixital polo programa Edixal.
No colexio do Foxo teñen este curso unha lectora nativa de inglés para a sección bilingüe.
En Vilatuxe, teñen asignado este ano un profesor máis, porque xa estaba compartido con outros centros, pero terá a base en leste. Nalgúns centros redúcese o número de días dalgún profesor compartido. En Agolada, o de Audición e Linguaxe pasa de ir tres días a ir dous. No colexio de Cruces hai cambio de horario: de 8.40 a 14.40 en setembro e xuño e de 8.50 a 15.25, de outubro a maio. Forcarei suma unha aula máis de infantil e unha mestra de Audición e Linguaxe. En Cerdedo impúxose a reagrupación de quinto e sexto e redúcense en dous os profesores, é un titor menos e un de Pedagoxía Terapéutica. En Oca, en cambio, aumenta un de Terapéutica Pedagoxía e no colexio de Soutelo de Montes, pasan de ter un profesor toda a semana a telo compartido.
Os profesores xa están todos asignados. Nalgúns centros mantense o persoal e noutros hai moitas renovacións, nalgún caso, profesores novos que veñen encher o oco dos que se acaban de xubilar. No Pérez Viondi cambio o equipo directivo este curso.
Infantil: 1.333
Alumnos na zona
Os nenos de Infantil suman nas dúas comarcas 1.333 alumnos, 192 en concertados.
Primaria: 2.792
Total de estudantes
Son 2.792 alumnos de Primaria, 2.37 en colexio públicos e 405 en centros concertados.
Concertada: 597
Tres centros nas comarcas
O Sacro Corazón, o de Lourdes e o María Inmaculada suman 597 de Infantil e Primaria.

Lixeiro aumento nalgúns colexios do rural da zona

O colexio de Merza, en Cruces, mantense. Contarán con dezasete nenos, tres deles de tres anos; 61 no Cerdeiriñas de Piloño, só dous de tres anos e 193 ben o colexio de Vila de Cruces, vinte de tres anos, o que supón oito máis que o curso pasado en total. En Forcarei serán 108, trece de tres anos e 44 no de Soutelo de Montes, cinco de tres anos, o que supón baixar o total en cinco alumnos. No colexio de Silleda son 358, cinco ou seis máis que no curso anterior; 36 deles de tres anos., aos que se suman 113 no colexio da Bandeira, máis dous máis previstos, un deles de infantil, co que se sumarían oito. O María Inmaculada achega 110 de Primaria e 62 en Infantil.
Na Estrada, o Pérez Viondi suma 451, 47 en tres anos. O María Inmaculada achega 110 de Primaria e 62 en Infantil. O de Lourdes contará con 275 e ten as clase de tres anos completa. A estes engádense 84 do colexio de Codeseda, con doce en tres anos; 96 no de Vea, dez en tres anos; 103 no Foxo, que conta con doce en tres anos e aumenta alumnos e 73 no de Oca.

 

Ningún comentario:

Publicar un comentario