xoves, 17 de setembro de 2015

A Consellaría de Educación afianza o cobro e o negocio do uso dos materiais audiovisuais nos centros de ensino

Educación avala a caza de bruxas por parte das empresas privadas.
 
A CIG-Ensino exíxelle, un ano máis, á Consellaría que prohiba con carácter de urxencia o cobro e o negocio de empresas privadas nos centros educativos, así como o control que estas empresas pretenden realizar sobre a utilización de materiais audiovisuais, e que garanta a total gratuidade da utilización destes recursos.
A Consellaría de Educación publicou no Nadal do pasado ano unha circular na que ditaba instrucións aos centros docentes en relación coa reprodución de obras audiovisuais no sentido de limitar o seu uso como ferramenta indispensábel no traballo docente. Ante este atropelo, a CIG-Ensino reclamou a derrogación desa circular 14/2014, pois, independentemente da nosa valoración da Lei da propiedade intelectual, era unha irresponsabilidade por parte da Consellaría trasladar o problema aos centros educativos e limitar o uso dos recursos audiovisuais.  Ao mesmo tempo, a CIG-Ensino esixíalle á Consellaría que, se había conflito cos xestores deses dereitos, debía ser a Consellaría a que pagase o uso dos mesmos e non os centros educativos.
A Consellaría non só non atendeu a proposta da CIG-Ensino, senón que, posteriormente, acordou cunha empresa privada a utilización dos contidos audiovisuais polo prezo de 1.25€ por alumno/a e ano, como se recollía nunha carta remitida o 24 de marzo aos centros polo director xeral de Motion Picture Licensing Company (MPLC).
Diante disto, a CIG-Ensino seguiu reclamando a derrogación da Circular 14/2014 e promoveu a recollida de sinaturas que reclamaban que se garantise a total gratuidade da utilización dos recursos audiovisuais como recurso pedagóxico e didáctico, tal e como se viña facendo, e que se prohibise o cobro e o negocio de empresas privadas nos centros educativos. Máis de 3986 profesores e profesoras apoiaron este escrito que lle foi entregado á Consellaría no mes de xuño. Ao mesmo tempo, a CIG-Ensino propúxolles aos centros que seguisen utilizando con normalidade e sen restricións os materiais audiovisuais.
Neste inicio de curso escolar, atopámonos con que non só non foi derrogada a circular, senón que os centros volven recibir unha carta con “novos prezos” que van dos 200 €, no caso dos centros con 300 alumnos, aos 995 €, en caso de superar os 1500, ou sexa, unha operación recadatoria que emprende de novo MPLC e Licencia Educativa Egeda, avalada pola Consellaría,  que podería superar os 400.000 €.
A CIG-Ensino ten que denunciar tamén que a Consellaría non só permite o lucro de empresas privadas de Madrid a expensas dos orzamentos dos centros educativos públicos, senón que mesmo permite unha auténtica caza de bruxas, pois a comunicación enviada por estas empresas aos centros dá a entender que o pago ten que ser feito antes do 15 de outubro, data en que remata a validez dos prezos indicados, e que pretende controlar o traballo dos centros, xa que chegan a demandarlles que “ se no seu centro non se están usando materiais audiovisuais, rogámoslle que igualmente o comunique.”
A CIG-Ensino esixe da Consellaría que prohiba o cobro, o negocio e o control de empresas privadas nos centros educativos e que garanta a total gratuidade da utilización dos recursos audiovisuais como recurso pedagóxico e didáctico, tal e como se viña facendo até o de agora. Ademais, a CIG-Ensino fai un chamamento ás direccións dos centros e ao profesorado para que non respondan as comunicacións recibidas, non paguen ningún “imposto” por realizar o seu traballo e para que continúen usando todo tipo de ferramentas que son necesarias para realizar o seu traballo coa maior eficacia posíbel.
A CIG-Ensino poñerá en coñecemento do Parlamento Galego e do Valedor do Pobo esta situación para que tomen as medidas oportunas.
COMUNICACIÓN ENVIADA AOS CENTROS

Ningún comentario:

Publicar un comentario