martes, 29 de setembro de 2015

Máis de 11 mil apoios á ILP para valorizar a obra plástica de Castelao

A DEBATE ESTA TERZA FEIRA NO PARLAMENTO GALEGO
 
Esta terza feira o Parlamento debate a iniciativa lexislativa popular promovida pola federación de asociacións culturais, Galiza Cultura, e asinada por máis de 11 mil persoas. 

A obra plástica de Castelao abrangue perto de 4 mil pezas que, no entanto, se atopan dispersas en diversos centros museísticos das dúas beiras do Atlántico. En mans púbicas, mais tamén privadas, a recuperación do amplísimo traballo artístico de Castelao para a súa exposición e divulgación será obxecto de debate esta terza feira (29 de setembro) no Parlamento galego através dunha Iniciativa Lexislativa Popular promovida pola Federación de asociacións culturais Galiza Cultura e asinada por máis de 11 mil persoas.
"Exposta hai unha parte mínima", sinala a presidenta de Galiza Cultura, Pilar García Negro, en conversa con Sermos Galiza, a maior parte no Museo de Pontevedra. Porén, aquelas pezas en posesión das "fundacións das antigas caixas" están pendentes para seren vistas "de que se organice algunha exposición". Outras, como a emblemática Derradeira lección do mestre na que Castelao plasma o cadáver de Bóveda após o seu fusilamento. atópase "recluída" en Buenos Aires, nunha pequena sala no Centro de Galiza xunto con outros obxectos do de Rianxo. Para poder visitala, explica García Negro, "hai que solicitar o permiso correspondente". "Iso clama o ceo", salienta.
"Exposta hai unha parte mínima"
"É algo tan indicativo da ocultación" do autor, asegura, que está a impedir "valorar" --mais tamén coñecer-- a amplitude da súa obra e o papel que xogou na "vangarda" da arte galega, nomeadamente na súa "renovación contemporánea".
"Reclamamos que a Xunta, como máxima expresión política de Galiza se implique" pois, "o que hai non abonda". E é que, embora ser declarada Ben de Interese Cultural (BIC) no 2000, cando a propia Pilar García Negro aínda era deputada do BNG no Pazo do Hórreo, a iniciativa que a parlamentar presentou ficou en "papel mollado". "Eu mesma defendín esa iniciativa mais esa declaración", sinala, non deveu na "incoación de ningún expediente" ou acción política concreta.
Para visitar 'A derradeira lección do mestre' hai que solicitar permiso ao Centro de Galiza en Bos Aires
Neste senso, a ILP defende a "catalogación de toda a obra, en todo tipo de facetas e xéneros, xa pertenza a fondos públicos ou privados, que teñan como autor a Alfonso Daniel Rodríguez Castelao procurando os convenios ou acordos de cesión oportunos con todas aquelas entidades, públicas e privadas, que posúen en propriedade" a súa obra.
Así mesmo, demanda a creación dun "espazo museístico" para "expor" nel toda a obra plástica de Castelao á fin de que sexa visitada por persoas de Galiza e de fóra dela. Ao tempo que exixen á Xunta que desenvolva as "xestións oportunas" para recuperar o lenzo A derradeira lección do mestre, urxindo o seu traslado de Buenos Aires a Galiza.
Aliás, a ILP demanda do goberno galego o acceso público através da Internet de toda a obra dixitalizada "para coñecemento de todo o pobo galego". De igual maneira, que a incorporación ao ensino regrado do estudo de Castelao como figura "central". "Debe ter un tratamento acorde á súa importancia e á súa descomunal aportación" en todos os eidos nos que se desenvolveu.
A defensa da proposta lexislativa popular correrá a conta da ex-deputada, Pilar García Negro, que volverá a tomar a palabra após 13 anos da súa "demisión", como ela relata, en decembro de 2003. "É unha situación curiosa", di quen foi por 14 anos representante parlamentar.
A respeito do resultado da votación --que todas as forzas agás o PP anunciaron que apoiarán-- asegura: "agardo que a luz e a potencia patriótica de Castelao os ilumine".

Ningún comentario:

Publicar un comentario