xoves, 24 de setembro de 2015

CEAPA denuncia un novo inicio de curso escolar 2015-16 caótico pola imposición da LOMCE e celebra a resposta do Ministerio na que confirma que non é obrigatorio para as familias a compra de libros de texto

A Confederación Española de Asociacións de Pais e Nais de Alumnos (CEAPA), nunha rolda de prensa celebrada hoxe en Madrid, realizou unha valoración da actual situación educativa nas diferentes comunidades autónomas.
CEAPA denunciou que o inicio de curso escolar foi caótico debido á implantación da LOMCE en toda Primaria e nalgúns cursos de Secundaria e Bacharelato. Por unha banda, xerou incerteza nos centros e nas familias ao ter que asumir un cambio curricular improvisado. Por outro, tamén provocou o desmantelamento dos bancos de libros xestionados polas AMPAs nos centros e a falta de existencias de textos LOE que aínda están en vigor.
CEAPA defende unha educación con diversidade de recursos didácticos, máis acordes coa realidade actual, no que se inclúan as novas tecnoloxías. Por elo, está en contra de que tanto as familias como as administracións, con diñeiro público, asuman ano tras ano a compra masiva de libros de texto como único recurso didáctico, algo que considera innecesario e obsoleto.
Por elo, CEAPA espera que sexa o final da presión dos grupos editoriais cara ás familias e os gobernos para defender os seus intereses económicos.
Nesta mesma liña, está a estudar as accións para emprender despois da resposta do Ministerio na que se confirma que a obrigatoriedade da compra de material escolar depende das administracións públicas, respondendo así á gratuidade do ensino obrigatorio.
Doutra banda, CEAPA denuncia que un ano máis non se abriron de forma xeral os comedores escolares no verán para atender as necesidades máis elementais do alumnado, aínda que algúns concellos mostraron máis sensibilidade e ofreceron diferentes alternativas para os casos máis graves. Os prezos dos menús escolares seguen sendo similares aos do curso pasado, cunha lixeira baixada debido á supresión do IVE dos monitores. Segue habendo oscilacións entre os distintos territorios, sendo o máximo de 6,50 euros e o mínimo de 3 euros. Así mesmo, CEAPA defende un modelo de comedor integrado e xestionado polos centros escolares, abastecéndose con produtos de proximidade que promovan a relación do alumnado coa súa contorna, en lugar dos modelos de catering e comidas frías que predominan actualmente en todo o Estado.
Respecto ao calendario escolar, é moi similar ao do curso pasado, cunha media de 176 días lectivos en Primaria, 174,58 na ESO e 174,37 en Bacharelato. CEAPA esixe o cumprimento dos días lectivos, que non se realizaron nalgunhas comunidades. Así mesmo, CEAPA abrirá o debate sobre tempos escolares na súa próxima asemblea, xa que considera que o calendario e o tempo escolar son diferentes conceptos. Neste debate profundará na apertura de centros á contorna, nos deberes, no calendario escolar e na xornada escolar, entre outros aspectos. Para visibilizar as necesidades da escola rural, CEAPA está a valorar a posibilidade de realizar esta asemblea nun pobo cuxo centro educativo fose pechado recentemente.

Ningún comentario:

Publicar un comentario