A Mesa lamenta que o conselleiro de Educación e Cultura dea por boas as explicacións do centro hípico que se basean no argumento de que todo se debeu a unha malinterpretación. A MNL fala de “cumplicidade nun caso gravísimo de racismo lingüístico”.
A Xunta non fará nada perante a vulneración de dereitos e a humillación sufrida por unha nena galego-falante no Centro Hípico Casas Novas o pasado mes de xullo. Así o afirma a Mesa pola Normalización Lingüística, que di que o conselleiro de Educación e Cultura, Román Rodríguez, deu por boas no Parlamento as explicacións do Centro Hípico de Casas Novas. Este centro afirma que entender como humillación o se dirixir a unha nena de 10 anos con expresións como “es que a ti no te entiendo como hablas. Te explicas tan mal así” ou “aquí todos hablamos castellano y tu tienes que hablar el castellano”, “só poden deberse a unha interpretación errónea dos feitos”.O caso da humillación a esta nena de 10 anos chegou ao Parlamento de Galiza a través da deputada do BNG, Ana Pontón, que recolleu a denuncia feita pola Mesa e preguntou polas accións que tomou a Consellaría en relación a este "caso de vulneración grave dos dereitos dunha menor”.
A resposta do Conselleiro foi clara, explican desde a entidade de defensa do idioma galego: “A Xunta limitouse a lembrarlle ao centro a lexislación que ampara os dereitos lingüísticos da menor, no entanto acredita e dá por boas as explicacións do Centro Hípico nas que afirma que todo se debeu a unha interpretación errónea dos feitos”.
O presidente da Mesa pola Normalización Lingüística, Marcos Maceira, reiterou a obriga da Xunta de “actuar sobre o sucedido até as últimas consecuencias nun caso que no que vulneran dereitos fundamentais dunha menor que é humillada e desprezada por utilizar a súa lingua”.“Se a Xunta non fai nada, serán cómplices dun caso gravísimo de vulneración dos dereitos dunha menor e de racismo lingüístico”, afirmou. “A Xunta ten a obriga legal de velar polos dereitos das e dos menores, polo cumprimento dos dereitos lingüísticos, e dos dereitos das e dos consumidores e xa que logo pode e debe actuar perante estes comportamentos absolutamente desprezábeis, e desde A Mesa pola Normalización Lingüística instámolos a que o fagan”.
Ningún comentario:
Publicar un comentario