"Quédanme 6 créditos para completar a licenciatura, unha materia anual da que aprobei a metade. Pero non podo presentarme á proba extraordinaria de setembro, porque non esgotei as dúas oportunidades ordinarias""Pedimos que nos deixen presentarnos a ese exame, en igualdade de condicións co resto de persoas que se atopan no noso caso", di. Organizacións estudantís como AGIR, Comités Abertos e Liga Estudantil Galega xa denunciaron que isto constitúe unha "exclusión arbitraria" deste grupo de estudantes e un "agravio comparativo".
"No meu caso, a especialidade que escollín na licenciatura xa non existe no grao, polo que non me convalidan todos os créditos. Posiblemente teña que cursar un ano ou ano e medio do grao. E facer, ademais, o proxecto final de grao"Os e as estudantes afectadas convocaron, co apoio destas organizacións unha reunión para todas as afectadas e afectados que terá lugar o vindeiro xoves 24 de setembro na Aula 7 da Facultade de Xeografía e Historia ás 20:15 horas. A xuntanza servirá para ofrecer información, das alternativas existentes, para visibilizar o problema e, ademais, para coñecer cantas persoas se atopan nesta situación. Hai uns meses, dende a Universidade se comunicara que había 540 estudantes que non completaran os seus estudos de licenciatura, aínda que unha parte si poderá acceder agora á proba extraordinaria. "Necesitamos máis apoios. Hai xente á que se lle resolveu o problema, porque poderá facer os exames agora. Outros déronse por vencidos e xa comezaron a matricularse nos graos. Pero non queremos resignarnos", destaca a estudante coa que falamos.
O requisito esixido para presentarse aos exames convocados en setembro pode ser modificado polo Consello de Goberno da USC. Os sindicatos reclaman a convocatoria de urxencia deste órgano antes da extinción da licenciatura o 30 de setembro "para modificar o requisito que impide a centos de estudantes optar a rematar as súas Licenciaturas". Os Comités sinalan que hai dúas semana solicitaron unha reunión de urxencia co reitor Juan Viaño, que pode convocar o Consello de Goberno, e afirman que a día de hoxe aínda non tiveron resposta. Tamén iniciaron unha recollida de sinaturas.
"Se hai unha oportunidade debe abrirse para todos. Cando ves que, despois de moitos anos de estudar unha carreira, despois de tanto esforzo, che queda tan pouco para rematala, resulta moi duro", conclúe.
Ningún comentario:
Publicar un comentario